Noticias

Galicia bate en 2018 un novo récord de exportacións, cunha suba do 5,4%, e rexistra a maior cifra de empresas exportadoras da súa historia

Galicia logrou en 2018 un novo récord de exportacións, superando nun 5,4% o rexistro do ano anterior, e logrando tamén o maior número de empresas exportadoras e empresas exportadoras regulares da súa historia. Así, as vendas ao exterior das empresas galegas sumaron o ano pasado máis de 22.857 millóns de euros, e medraron case o dobre que no conxunto de España, onde se incrementaron nun 2,9%. Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas, que superan por primeira vez a barreira dos 22.000 millóns de euros, supoñen un 8% do total das exportacións con orixe en España.

Ademais, Galicia pechou o ano coa terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, despois de País Vasco e Navarra, cun saldo positivo de 3.835,5 millóns de euros.

Isto é posible en boa medida grazas a que as pequenas e medianas empresas da Comunidade apostan cada vez máis polos mercados exteriores. Nunca antes venderan ao exterior tantas compañías galegas, e así, en 2018 exportaron un total de 7.259 firmas, un 8,1% máis que en 2017. Destas, 2.498 son empresas exportadoras regulares, aquelas que exportaron nos últimos catro anos consecutivos, unha cifra que é un 3,5% superior á do ano anterior.

Cómpre sinalar os incrementos experimentados ao longo do pasado exercicio nas exportacións de sectores como os aparellos e material eléctrico, cun 74,7%; a madeira e as súas manufacturas, cun 11,8%; a metalurxia, cun 9,9%; ou a automoción, cun 8%.

No tocante aos destinos, no pasado ano sobresae a evolución das exportacións cara a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), cun incremento do 6,6%, a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), cunha suba do 12,1%; e o Mercosur, cun crecemento do 22%.

Por países, destacan os incrementos das vendas a Bélxica, cun aumento do 35,2%; Portugal e Polonia, cun 14%; Reino Unido, cun 13,3%; Italia, cun 10,4%; Francia, cun 6%; China, cun 6,7%; e Xapón, cara onde as exportacións se incrementaron nu 6,2% o ano pasado.

Para seguir avanzando neste camiño, no que é fundamental a aposta das compañías galegas pola innovación e pola calidade que acompañan á Marca Galicia, a Xunta continuará a colaborar co tecido empresarial a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, para que o tecido empresarial siga medrando e sexa máis competitivo.

Así, mediante os programas do Foexga e do Galicia Exporta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1.000 empresas.

R., 2019-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES