Noticias

2018 foi o mellor ano do naval na última década, porque os encargos aos estaleiros galegos representan a metade do total de España

O ano pasado foi o mellor ano do naval na última década porque Galicia representa a metade do sector en España, converténdose na comunidade de referencia neste eido. O sector galego ten actualmente en carteira 27 buques, un 49% do total dos buques contratados en España. E só en 2018, conseguiu 15 novos contratos, o que supón o 63% de todos os contratos acadados polo naval español. O bo momento que está a atravesar o sector se debe en parte á diversificación, á súa capacidade para adaptarse aos novos tempos, innovar tecnoloxicamente e poder así dar resposta ás novas exixencias e tendencias do sector.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que 2018 foi o mellor ano do naval na última década porque Galicia, salientou, representa a metade do sector en España, converténdose na comunidade de referencia neste eido.

Durante a primeira reunión preparatoria da vindeira cita Navalia 2020, Feijóo afirmou que o éxito desta feira vai estar apoiada polo mellor momento da industria naval galega, ao que precisou que o sector galego ten, actualmente, en carteira 27 buques, un 49% do total dos buques contratados en España. E só en 2018, conseguiu 15 novos contratos, o que supón o 63% de todos os contratos acadados polo naval español.

O responsable do Goberno galego valorou estes datos como o mellor reclamo para as moitas empresas que se dan cita nesta feira, así como o éxito de convocatoria da pasada edición, que foi a máis concorrida de todas as celebradas ata o de agora: con máis de 600 marcas representadas en 400 expositores que visitaron 25.000 persoas; e cun impacto económico na cidade que acadou os 11 millóns.

Nesta liña, Feijóo expresou o convencemento de que a vindeira cita de 2020 superará novos récords. Non en van, xa está ao 80% de ocupación con respecto á última edición; os pavillóns 1 e 2 de Ifevi están practicamente cheos e xa se está a comercializar o novo, froito da ampliación levada a cabo pola Xunta.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta garantiu o apoio da Administración autonómica a esta feira, ao igual que o está a facer co sector, tanto no eido da innovación e diversificación -con cinco unidades mixtas que neste momento están centradas no naval, cun orzamento que está a mobilizar 12,2 millóns-; como no da formación, cun plan específico, dotado con 12 millóns de euros e con máis de 2.800 traballadores que xa se levan formado en máis de 240 cursos, co obxectivo de chegar aos 5.000.

O presidente do Goberno galego incidiu en que o bo momento que está a atravesar o sector se debe en parte á diversificación, á súa capacidade para adaptarse aos novos tempos, innovar tecnoloxicamente e poder así dar resposta ás novas exixencias e tendencias do sector, referíndose, por exemplo, ao segmento dos cruceiros e a como estaleiros como Barreras xa están a orientar a súa produción cara aí, ou a Navantia Fene, que se está a posicionar como referente en eólica offshore.

R., 2019-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES