Noticias

Aberto o prazo para inscribirse nunha das nove rutas de inverno do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Organízanse un inverno máis un total de nove rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, este programa de visitas, de carácter gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival. Así, desde hoxe mesmo os interesados poden solicitar a reserva de praza a través da web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).

Durante a actual campaña, que arrancará o 24 de febreiro en Ons e se estenderá ata o próximo 15 de abril, ofreceranse un total de 158 prazas para visitar as catro illas que conforman o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno.

Como os anos anteriores, o prazo para inscribirse mantense aberto ata catro días antes da visita e para cada ruta abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como máximo tres días antes.

Todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen con saída desde distintos portos, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.

Este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.250 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares do Parque Nacional.

Ruta a Cíes para familias con nenos

A temática das rutas é moi diversa, xa que van desde o carácter histórico e botánico do percorrido pola illa de Cortegada coa ruta O segredo dun bosque no medio do mar, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas de Sálvora coa visita Esculturas e lendas, pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia das Cíes cunha Viaxe no tempo.

Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá unha ruta especial pensada para familias con nenos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, concretamente, o luns 15 de abril en Cíes. Durante o percorrido pola illa faranse dinámicas e xogos que axuden aos rapaces a coñecer os ecosistemas do Parque Nacional. Como máximo poderanse inscribir dous nenos con cada adulto participante na actividade, especialmente recomendada para menores de entre 5 e 11 anos.

R., 2019-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES