Noticias

Aberto o prazo para que particulares e concellos poidan optar a axudas para a rehabilitación de vivendas

Estas son as catro primeiras liñas de subvencións para rehabilitar vivendas que se convocan en 2019 e virán seguidas doutras sete que se convocarán tamén ao longo do primeiro semestre deste ano. En total, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten previsto destinar no presente exercicio preto de 27 millóns de euros á concesión de distintos tipos de axudas para rehabilitación. Dos catro programas convocados, dous van dirixidos a solicitantes particulares (o de préstamos para rehabilitación e o programa Rehaluga) e os outros dous, a concellos (rehabilitación de vivendas de mestres e infravivenda rural).

A Xunta de Galicia destinará preto de 2,3 millóns de euros a catro liñas de axudas á rehabilitación convocadas hoxe no Diario Oficial de Galicia. En concreto, correspóndense coa convocatoria de préstamos cualificados para rehabilitación, do programa Rehaluga, da liña de axudas á rehabilitación de antigas vivendas de mestres e de infravivenda rural.

Dos catro programas convocados a través do DOG, dous van dirixidos a solicitantes particulares (o de préstamos para rehabilitación e o programa Rehaluga) e os outros dous, a concellos (rehabilitación de vivendas de mestres e infravivenda rural).

Préstamos para rehabilitación

No caso dos préstamos para rehabilitación, trátase de créditos que se concederán a persoas físicas con ingresos que non superen 6,5 veces o Iprem, e con destino á rehabilitación de vivendas. As entidades financeiras Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank e Banco de Sabadell serán as encargadas de conceder estes préstamos, cun importe máximo de 30.000 ou 60.000 euros, dependendo de que a garantía dos mesmos sexa persoal ou hipotecaria.

Estas axudas poderán solicitarse ata o 15 de outubro deste ano e a convocatoria está dotada dun total de 204.405 euros.

Programa Rehaluga

O Rehaluga é outra liña de subvencións dirixida a propietarios de inmobles adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras co fin de axudalos a costear a realización de obras de rehabilitación e mellora nas súas vivendas.

O importe da axuda suporá o 100% do custo das actuacións executadas, cun límite de 8.000 euros por vivenda. Cómpre salientar que o importe máximo da axuda se incrementa de forma notable na convocatoria deste ano, xa que pasa de 4.000 euros por vivenda en residencial colectivo ou 5.500 para vivendas unifamiliares fixado na anterior convocatoria, aos 8.000 euros da actual.

A axuda poderá solicitarse ata o próximo 29 de novembro e a convocatoria está dotada en total cunha partida de 100.000 euros.

Vivendas de mestres

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público propio de vivenda para alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de construcións xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os municipios de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos, tantos como vivendas se pretende rehabilitar). Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de aluguer, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 IPREM) durante un prazo non inferior a 20 anos.

O concello solicitante deberá estar adherido ao Programa de Vivendas Baleiras ou en trámite de adhesión e as vivendas rehabilitadas adxudicaranse conforme a este programa.

A axuda ascenderá ao 90% do custo da actuación, co límite de 40.000 euros por vivenda, que se incrementan ata os 48.000 euros se as vivendas están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

A axuda poderá solicitarse ata o próximo 31 de maio. A convocatoria conta cunha dotación de 1.761.135 euros, o que supón máis do dobre do crédito disposto na primeira convocatoria realizada no ano 2017 (850.000 €) e un 86% máis que na do ano pasado (948.332 €).
Infravivenda

Por último, o programa de infravivenda prevé axudas para a rehabilitación de inmobles destinados a vivenda que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e estean emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes.

O inmoble poderá ser propiedade dos seus residentes ou do concello, pero en ambos casos a axuda debe solicitala a entidade local.

Os ocupantes das vivendas deberán acreditar ingresos que non superen unha vez o IPREM e o inmoble rehabilitado deberá destinarse a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos.

A axuda suporá o 95% do custo total da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda.

Os concellos poderán solicitar esta subvención ata o 31 de maio de 2019 e a dotación global da convocatoria ascende a 200.000 euros.

R., 2019-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES