
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que nos vindeiros días se publicará no DOG a resolución da convocatoria de axudas de 2018 que impulsará a posta en marcha de 15 novas casas niño e elevará a 305 o total de prazas dispoñibles para nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.
Coa próxima apertura de estes novos recursos a prol da conciliación, Galicia contará con 61 casas niño situadas en distintos concellos de menos de 5000 habitantes. Respecto ao emprazamento das novas unidades, Feijóo explicou que 7 delas se situarán na provincia da Coruña, concretamente nos municipios da Capela, Aranga, Irixoa, Monfero, Santiso, Vilarmaior e Vilasantar. Tres na provincia de Lugo, en O Paramo, Rábade e Triacastela e, as outras cinco restantes, nos concellos de Petín, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras e Vilardevós na provincia de Ourense. E lamentou a ausencia de solicitudes por parte dos tres concellos de Pontevedra que podían optar a este recurso.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta congratulouse da boa acollida que está a ter este recurso e destacou que está prevista a publicación na primeira metade deste ano dunha nova convocatoria á que se poderán presentar 36 concellos. De tal xeito, sinalou, Galicia podería acabar a década con 76 casas niño en pleno rendemento.
Ademais, o titular autonómico salientou que a dita iniciativa vén a sumarse a un completo paquete de medidas que fan que na nosa Comunidade hoxe sexa máis sinxelo conciliar do que era hai unha década. Entre esa medidas figuran, dixo, as máis de 24.000 prazas de gardería sostidas con fondos públicos, liñas de axuda para a apertura de escolas infantís nos polígonos industriais ou recursos como o Bono Concilia, o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida e axudas directas e deducións fiscais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.