
Así, o número total de pernoitas superou as 413.000, cun aumento do 7,8% fronte ao 2,6% estatal. Igualmente, a ocupación elevouse en xeral e moi especialmente durante as fins de semana, cunha melloría de 6,45 puntos fronte aos 2,02 puntos do conxunto das comunidades. Decembro arroxa grazas a estes resultados a mellor ocupación dos últimos 16 anos.
Todas as provincias rexistraron incrementos, con Ourense en cabeza (+10%) seguida de Pontevedra (+9,5%), Lugo (+7,9%) e A Coruña (+6%). Deste xeito, dáse continuidade a diversificación e reparto dos turistas, cunha especial incidencia no turismo de interior.
Récord do turismo internacional
Por perfil do turista, a evolución foi salientable en todas as tipoloxías, especialmente entre os viaxeiros internacionais, que subiron un 16,6%, cunha demanda récord. Tamén subiron os turistas nacionais (+5,5%) e o turismo dos galegos dentro da Comunidade (+10,3%).
Á positiva tendencia na estratexia galega de desestacionalización, diversificación e internacionalización únese a aposta pola calidade, que permite establecer un destino cada vez máis competitivo e sustentable. Neste sentido, cómpre subliñar a melloría das tarifas hoteleiras, do 5,6%, e da rendibilidade dos negocios do sector, que crecen case un 15%.
Co obxectivo de perseverar nesta liña, o Goberno galego mantén ata o domingo unha intensa presenza na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid, un dos principais foros de promoción no que presenta as principais novidades para este ano. Trátase de produtos e experiencias que afondan na imaxe de Galicia como un destino auténtico e innovador.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.