Noticias

Feijóo cualifica o novo acordo do emprego público de 'histórico' xa que restitúe dereitos e crea outros novos coa funcionarización do persoal laboral e a instauración da carreira profesional

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cualificou o novo acordo de concertación social do Emprego Público de Galicia de “histórico”, precisando que non só restitúe dereitos, senón que crea outros novos como a funcionarización do persoal laboral ou a instauración da carreira profesional. “Non estamos a falar só de restituír dereitos que se perderon durante a crise, senón de que crear outros que non existían no momento de bonanza económica, como a posibilidade de funcionarizar aos laborais da comunidade e de establecer unha carreira profesional para todos os funcionarios, o que comporta o incremento de retribucións”, aseverou.

Durante a súa sinatura, Feijóo quixo, en primeiro lugar, agradecer o traballo construtivo das organizacións UXT e CC.OO. e a aposta polo diálogo social, que fixo posible acadar un acordo que permitirá a transformación da Administración Pública galega: cun emprego máis estable, de maior calidade e mellor retribuído; que iguala as condicións dos empregados públicos da Comunidade; e cun sistema de avaliación que permitirá mellorar en grao, en xerarquía e retributivamente a través da carreira profesional.

Como primeiro piar do acordo, Feijóo referiuse ao compromiso de incluír un número mínimo de prazas -4.100, concretamente- nas ofertas de emprego público entre os anos 2019 e 2020. Por unha parte comprometeu, nestes anos e seguintes, a estabilización de 5.000 prazas que agora están ocupadas por persoal temporal e interino, que poderán acceder a un posto como funcionario de carreira.

Logo de incidir en que nos vindeiros anos haberá importantes oportunidades de emprego, xa que tan só na Administración xeral se xubilarán uns 8.500 profesionais que hoxe traballan na Xunta, o presidente do Goberno galego reiterou que, neste acordo tamén se aposta por facilitar os procesos de funcionarización do persoal laboral autonómico, así como pola implantación dun sistema voluntario e sustentable de carreira profesional.

Ademais do obxectivo de incrementar a estabilidade do emprego público da Xunta, o responsable autonómico explicou que se acorda incrementar as retribucións xerais para o persoal ao servizo do sector público. “Estamos a falar dunha suba media de entre o 5 e o 6%, que seguirá incrementándose no ano 2020 e 2021; e a medida que se vaian consolidando graos iranse incrementando para os próximos vinte anos, de tal xeito que finalizada a carreira administrativa, os empregados públicos da Comunidade percibirán dúas nóminas máis das que perciben hoxe”, explicou.

“Polo tanto: funcionarización, si; ofertas de emprego, si; estabilidade, si; e incremento retributivo, si”, dixo a modo de resumo, facendo fincapé en que, con esta sinatura se pon punto e final aos esforzos que os empregados públicos fixeron durante a crise; e un punto e á parte non só na recuperación dos dereitos senón na súa ampliación.

R., 2019-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES