Noticias

Galicia aplicará desde o 1 de xaneiro as novas rebaixas fiscais incluídas nos orzamentos para 2019, que se publican hoxe

Galicia poderá aplicar desde o 1 de xaneiro as novas rebaixas fiscais previstas para o vindeiro exercicio, xa que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019, así como a Lei de medidas fiscais e administrativas. Galicia foi a primeira comunidade autónoma que aprobou no seu Parlamento os seus Orzamentos para 2019, evitando a aplicación dunha prórroga orzamentaria que si terán que facer o Goberno central e outras comunidades como Cataluña, Andalucía ou País Vasco.

Os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns, 363 máis que este ano -un 3,8% máis-, o que permitirá reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aplicar novas baixadas impostos. Galicia disporá así de 1.464 millóns máis que en 2014, cunhas contas centradas no crecemento, os servizos e as persoas.

O aumento de recursos permitirá reforzar noutros 270 millóns o gasto social e tamén aumentan un 7% os fondos para o fomento do emprego, ata os 254 millóns, coa previsión de crear no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo. En canto aos investimentos, os Orzamentos aumentan un 5,2% os gastos de capital, ata os 1.652 millóns.

Novas baixadas de impostos

O 1 de xaneiro tamén entrarán en vigor as novas rebaixas de impostos incluídas nestes Orzamentos, que se unen ás xa aprobadas polo Goberno galego nos últimos anos, como a do IRPF, a do Imposto sobre Sucesións ou o programa de impostos cero no rural.

Entre as novidades está a rebaixa do 8% ao 7% no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada para uso habitual, unha baixada que será do 4% ao 3% no caso de familias numerosas, persoas con discapacidade e mozos menores de 36 anos. A Xunta estima que esta rebaixa vai beneficiar uns 10.000 galegos ao ano.

O 1 de xaneiro tamén entrará en vigor a baixada no Imposto sobre Sucesións e Doazóns nas herdanzas entre irmáns, de xeito que o 60% destas herdanzas quedarán libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio de 2013, de modo que Galicia volve ter a tarifa estatal, e apróbanse novas deducións no eido da innovación.

R., 2018-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES