
Os datos do organismo estatístico mostra que o salario medio anual segue sendo maior entre os homes (20.554 euros) que entre as mulleres (16.123 euros). Non obstante, no último ano o incremento salarial en Galicia foi maior entre as mulleres (+2,49%) que entre os homes (+1,76%), o que significa que en 2017 diminuíu a fenda salarial entre ambos sexos.
O estudo do IGE tamén inclúe datos sobre a remuneración que perciben os asalariados galegos por hora efectiva. Estes datos mostran que a remuneración en 2017 ascendeu a 16,7 euros por hora, o que supón tamén a cifra máis elevada de toda a serie histórica. Ademais, é igualmente o terceiro ano consecutivo no que medra este indicador.
Este estudo tamén mostra as diferencias salariais entre os distintos sectores da economía galega. Así, o salario medio anual varía entre os 33.338 euros do sector de entidades financeiras e aseguradoras e os 9.078 euros do sector Outros servizos persoais e de ocio.
Estudo exhaustivo
O Estudo sobre salarios é unha actividade estatística incluída nos Programas Estatísticos Anuais da Comunidade Autónoma, cuxo obxectivo é facer un estudo coa información existente sobre os salarios. A dita información está moi dispersa no sistema estatístico, xa que son diferentes as perspectivas desde as que se estudan os salarios e son varios os organismos que realizan estatísticas salariais. O IGE pretende con esta actividade achegar a información sobre os salarios dunha forma estruturada destacando os principais resultados de cada unha das fontes estatísticas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.