Noticias

Galicia segue baixando o seu endebedamento e xa é a cuarta comunidade con menos débeda de toda España

Galicia baixou en tres décimas o seu endebedamento público no terceiro trimestre do ano, ata situalo no 18,3%, e xa é a cuarta comunidade autónoma con menos débeda de toda España, só por detrás de Madrid, País Vasco e Canarias, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Banco de España. Ao finalizar o terceiro trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,3%, dúas décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior e tres décimas por debaixo da rexistrada no segundo trimestre. Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,4%) mantense en 6,1 puntos, cando en 2008 estaba igualado á media.

Ao peche do terceiro trimestre, a débeda de Galicia xa estaba por debaixo do límite máximo autorizado para este ano, que é do 18,4%, polo que está en clara disposición de volver cumprir un ano máis o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, como vén facendo Galicia ano a ano durante a última década. Ademais, os datos do Banco de España volven ratificar que a débeda está totalmente estabilizada en Galicia desde 2014.

En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do terceiro trimestre en 292.381 millóns, o 3,9% deste importe -11.431 millóns- na comunidade galega, un importe que baixou en 118 millóns de euros no último trimestre. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.800 millóns de euros, xa que Galicia é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda desde 2008.

Cuarta comunidade con menos débeda

Os datos do Banco de España ratifican que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. De feito, Galicia é a cuarta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, a terceira de réxime común.

O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media permitiu a Galicia acadar un importante aforro en xuros da débeda, que neste 2018 será duns 65 millóns de euros.

R., 2018-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES