Noticias

A UNESCO incorpora a pedra seca galega á lista do patrimonio inmaterial da humanidade

A pedra seca galega vén de ser incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos liderada por Grecia e Chipre e na que participa, entre outros, o Estado español. Así o decidiron hoxe os representantes deste organismo no marco da décimo terceira reunión anual do Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial celebrada en Port-Louis (República de Mauricio), na que por parte da Xunta de Galicia participou a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua. A participación galega na candidatura internacional da pedra seca (ou pedra en seco) é compartida con outras sete comunidades autónomas.

Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia forman parte desta postulación conxunta que integra tradicións construtivas de Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia, Italia e España. O recoñecemento da inclusión na lista representa o compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión.

Participación activa da Xunta

Galicia participou intensamente no desenvolvemento da candidatura. Neste sentido, aos efectos de promover o estudo e a documentación da técnica da pedra seca e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión pública e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que se conservan, decidiuse incorporala, como paso previo a esta inscrición na lista da UNESCO, ao Censo do Patrimonio Cultural de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

Cómpre lembrar que para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis aló dos existentes na lexislación vixente. En todo caso, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos específicos.

Construíndo a paisaxe galega

A pedra seca é unha técnica de construción tradicional na nosa terra que prescinde de calquera argamasa ou morteiro. Conforma un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que axuda a construír a paisaxe antrópica do país. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo o noso entorno.

Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio.

Se ben son abondosos e significativos os exemplos da pedra seca en todo o territorio galego, esta técnica resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.

Galicia, pioneira na regulación do Patrimonio Inmaterial

A lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial é a principal medida de salvagarda creada coa Convención do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. Foi asinada en 2003 e ratificada por España no 2006. Cómpre subliñar que a primeira incorporación práctica do establecido na Convención ao réxime legal estatal fíxase precisamente na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do 2016, que adaptou o título correspondente aos seus principios.

Consecuentemente, pode dicirse que Galicia integra plenamente no eido lexislativo o seu Patrimonio Cultural Inmaterial, constituído polo conxunto dos usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades ou mesmo os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.

R., 2018-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES