Noticias

Galicia acadou no 3º trimestre un crecemento anual do 2,6%, máis que a media española, e creou 16.000 empregos a tempo completo

A economía galega acadou no terceiro trimestre do ano un crecemento anual do 2,6%, por riba do acadado pola media española, e creou máis de 16.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo en comparación co mesmo período de 2017, segundo as contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE). Os datos do IGE publicados hoxe constatan que a economía galega mantén un ritmo de crecemento por riba do establecido no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que prevé un incremento medio do 2,5%.

Galicia continúa nunha senda de forte crecemento e segue medrando a maior ritmo que a economía española, pese á desaceleración rexistrada no conxunto do Estado nestes últimos trimestres.

En termos interanuais –é dicir, en comparación co mesmo trimestre do ano anterior– o PIB galego avanzou no terceiro trimestre un 2,6%, unha décima superior ao crecemento da economía española, que foi do 2,5%, segundo os datos avanzados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En canto á evolución trimestral, os datos do IGE tamén mostran que a economía galega medrou un 0,6% con respecto ao segundo trimestre, un avance igual ao rexistrado no trimestre anterior. O avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional.

Segundo o IGE, o crecemento da economía galega entre xullo e setembro sustentouse no incremento da demanda interna –que avanzou un 2,7%– e no bo comportamento das exportacións de bens e servizos, que medraron un 3,7%, por riba do conxunto da economía. Ademais, no terceiro trimestre produciuse un importante crecemento da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial. O avance neste período foi do 6,9%.

Pola parte da oferta, todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria, cun incremento anual do 3,1%, como a construción (6,9%) e os servizos (2,3%). O menor incremento rexistrouse no sector primario, que medrou un 0,3%.

Máis de 16.000 novos empregos a tempo completo

As contas trimestrais do IGE confirman que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral, cun incremento do 1,6% nos postos de traballo equivalentes a tempo completo, o que permitiu crear máis de 16.000 empregos no último ano.

, 2018-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES