Noticias

Galicia é a primeira comunidade que tramita os orzamentos para 2019

Os orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns de euros, cun incremento de gasto de 363 millóns respecto a este ano. Estas contas permitirán reforzar o gasto social, aumentar os investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos. A previsión de evolución do PIB galego para 2019 é do 2,5%, de xeito que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é seguir rebaixando a taxa de paro, ata situala o vindeiro ano no 12,7%.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que Galicia é a primeira comunidade autónoma en tramitar no Parlamento os Orzamentos para o ano 2019, grazas a unha estabilidade institucional que contrasta coa situación política en España, onde aínda non foi presentado o proxecto de Lei de Orzamentos para o vindeiro exercicio.

Na súa intervención durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2019, o titular de Facenda lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en entregar as súas contas na cámara autonómico, motivo polo que é tamén a primeira en analizar as emendas que presentan os distintos grupos parlamentarios.

Valeriano Martínez explicou que os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns de euros, cun incremento de gasto de 363 millóns respecto a este ano. Estas contas permitirán reforzar o gasto social, aumentar os investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos. De feito, estes orzamentos son os máis altos desde 2010, con 1.464 millóns de euros máis en relación ás contas de 2014.

O titular de Facenda resaltou que estas contas públicas están centradas “no crecemento, os servizos e as persoas”. O aumento de recursos permitirá reforzar en 270 millóns de euros o gasto social, con especial incidencia na sanidade e na educación pública, así como incrementar un 5,3% os investimentos e elevar un 7% os fondos para emprego –ata os 254 millóns-, co obxectivo de crear uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo.

Ademais, as contas manteñen o impulso ás políticas sociais, con 383 millóns para dependencia e cunha ampliación da cobertura da Tarxeta Benvida e dos recursos da Risga. E reforzan á súa vez partidas clave coma o turismo -con 41,4 millóns- ou as infraestruturas, nas que se incrementa nun 260% os recursos para as estacións intermodais. Pola contra, a única partida orzamentaria que descende é un ano máis a dos xuros da débeda.

Menos impostos

Valeriano Martínez tamén explicou os cambios no eido fiscal, coa aprobación de novas baixadas de impostos e o mantemento das que xa están en vigor como a do IRPF, no Imposto sobre Sucesións e no programa de impostos cero no rural. Entre as novidades figura unha rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada habitual, ao reducir o tipo do ITP do 8% ao 7%, o que sitúa Galicia no grupo de comunidades con menor tributación neste eido. No caso de que a adquisición a faga unha familia numerosa, un mozo menor de 36 anos ou persoas con discapacidade, o tipo impositivo pasa do 4% ao 3%, o que fai que Galicia teña a tributación máis baixa de España.

Outra das baixadas fiscais afecta ao Imposto sobre Sucesións e Doazóns, xa que Galicia eleva de 8.000 a 16.000 euros o mínimo exento nas herdanzas entre irmáns, polo que o 60% das herdanzas entre irmáns en Galicia quedarán libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio aprobada por mor da crise no ano 2013, de xeito que Galicia volve ter a mesma tributación que a tarifa do Estado. E as novas deducións fiscais no eido da innovación incentivarán a participación e o investimento en pemes innovadoras e en iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

Salarios dos empregados públicos

En 2019 a Xunta aplicará un incremento salarial do 2,4% para todos os seus empregados públicos, sendo o cuarto ano consecutivo no que se incrementan os seus soldos. Ademais, a esta suba do 2,4% -que se aplicará cando haxa habilitación legal do Estado- engádense os distintos acordos retributivos acadados nos eidos sectoriais.

Crecemento e emprego

Finalmente, en canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB galego para 2019 é do 2,5%, de xeito que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é seguir rebaixando a taxa de paro, ata situala o vindeiro ano no 12,7%.

R., 2018-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES