Noticias

Máis de 60 centros educativos introducen o xadrez nas aulas

Un total de 1868 alumnas e alumnos de 61 centros educativos galegos – case o 90% deles públicos– cursan este ano académico a materia de xadrez. Esta disciplina contribúe ao desenvolvemento de técnicas de traballo en equipo e facilita a socialización entre o alumnado, favorecendo as relacións de cooperación e a adquisición de hábitos de convivencia democrática, entre outras vantaxes. Tanto a UNESCO, como o Parlamento Europeo, o Congreso dos Deputados, o Senado e o Parlamento de Galicia teñen recomendado a introdución do xadrez na escola.

Así o explicou esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira, quen salientou o valor pedagóxico desta disciplina, que contribúe ao desenvolvemento de técnicas de traballo en equipo e facilita a socialización entre o alumnado, favorecendo as relacións de cooperación e a adquisición de hábitos de convivencia democrática, entre outras vantaxes.

O director xeral lembrou que tanto a UNESCO, como o Parlamento Europeo, o Congreso dos Deputados, o Senado e o Parlamento de Galicia recomendaron a introdución do xadrez na escola, una avance que foi posible ao abeiro da posta en marcha da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Neste sentido, explicou que esta lei dálles maior liberdade aos equipos directivos e ás Comunidades Autónomas para ofertar materias de libre configuración de centro ou autonómica, encadres nos que se imparte o xadrez en Galicia, nos cursos 4º e 6º de Primaria, 1º e 2º de ESO e 1º e 2 de Bacharelato.

Manuel Corredoira salientou a utilidade do xadrez para o reforzo das competencias clave, en especial da matemática, pola propia natureza da disciplina. Así, sinalou que o uso do vocabulario específico da materia e a exposición oral dos razoamentos lóxicos contribúen a mellorar a competencia lingüística; ao tempo que o frecuente uso das novas tecnoloxías no xadrez permite reforzar a competencia dixital.

Ademais das competencias sociais e cívicas, o director xeral sinalou como principais achegas da materia o fomento da creatividade, da capacidade de análise, da planificación, ou da resolución de problemas, entre outras habilidades.

A implantación do xadrez no ensino supuxo, así mesmo, o desenvolvemento de actividades de formación do profesorado desde o curso 2014/15, tanto ao abeiro do Plan Anual como a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), dos Centros de Formación e Recursos (CFR) ou das accións programadas nos propios centros. Ademais, a Consellería homologou actividades ao respecto impulsadas desde outras entidades.

A día de hoxe o departamento educativo da Xunta de Galicia expediu un total de 300 certificacións de horas de formación do profesorado que acreditan a realización destas actividades.

Escolas Oficiais de Idiomas

Por outra banda, e en resposta a unha pregunta sobre as listaxes de espera nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), o director xeral explicou que ano a ano se produce unha diminución nas mesmas, ao tempo que se continúa incrementando a ampla oferta das 11 EOI e das 30 seccións que dependen delas.

Neste sentido sinalou que o curso 2018/19 trouxo consigo novidades como a oferta de español como lingua estranxeira na EOI de Ourense, a de cursos de nivel C2 en inglés (en todas as Escolas agás en Ferrol), galego (en Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) e portugués (Vigo). Ademais, ofértanse cursos de nivel C1 en inglés, alemán, italiano, francés, portugués e galego na maioría das EOI.

Manuel Corredoira salientou, así mesmo, o incremento da matrícula este curso no conxunto das EOI e as súas seccións, que acadan os 25.525 alumnos en cursos ordinarios, un 6,2% máis ca no curso anterior.

R., 2018-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES