Noticias

A Xunta solicita ao Goberno central que tome a iniciativa en Alcoa para buscar solucións a través do diálogo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu no Parlamento de Galicia, a petición propia, para abordar o anuncio de Alcoa de pechar as plantas tanto da Coruña como de Avilés e solicitar ao Goberno central que tome a iniciativa para buscar solucións a través do diálogo. Neste sentido, asegurou que a Xunta seguirá apoiando ao Estado na defensa dos postos de traballo. Conde pediu tamén a unanimidade da Cámara para que apoie á Xunta na alianza co Goberno asturiano e cos traballadores co obxectivo de manter os empregos que están en xogo e a actividade industrial.

“Co compromiso unánime de todos é máis factible unha solución: é o que esperan de nós os traballadores e traballadoras de Alcoa que agardan respostas”, asegurou e puxo en valor a aprobación por unanimidade, onte no Parlamento galego, dunha proposición non de lei sobre este asunto: “Agora temos que ser todos responsables e cumprir cos acordos alcanzados nesta proposta”.

Conde, que cualificou o anuncio “dunha moi mala noticia para Galicia e para o conxunto de España”, insistiu na importancia de dar unha resposta urxente e coordinada desde todas as partes implicadas e na necesidade de recabar esforzos.

Neste sentido, lembrou as reunións mantidas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tanto co comité de empresa da Coruña como co seu homólogo asturiano, así como a xuntanza mantida onte en Madrid e na que o conselleiro se reuniu con representantes do Goberno central e asturiano, coa empresa e cos traballadores, lamentando a falta de corresponsabilidade das dúas partes que poden achegar solucións a esta situación: o Estado e Alcoa.

“A decisión de Alcoa e a indecisión do Goberno poden ser a antesala dunha crise do sector industrial en España e Galicia”, apuntou e incidiu en que que o levantamento, por parte da empresa, do expediente de regulación de emprego, e a concreción, por parte do Goberno español, no establecemento dun sistema que aporte certeza son as únicas vías para atopar unha solución.

Necesidade de respostas

Conde advertiu de que están faltando respostas por parte do Goberno central -o único con competencias na materia- a unha situación que a industria electrointensiva, e en concreto Alcoa, viña arrastrando desde hai meses.

Tal e como explicou Conde, a Xunta, en diferentes reunións entre os Gobernos central e autonómico, xa lle tiña trasladado a necesidade de abordar o tema da interrompebilidade e a súa preocupación por unha situación que non é nova pero para a que o anterior Goberno sempre se atopou disposto a achegar solucións, como un sistema de poxas, que aínda non foi convocado polo Goberno de Pedro Sánchez para 2019, e unha partida de 150M€ nos Presupostos Xerais do Estado para 2018 destinados a complementar os ingresos por interrompebilidade.

O conselleiro dixo que non se está a traballar o suficiente para poñer en funcionamento o sistema de compensación á industria electrointensiva nin para garantir ás empresas un prezo da electricidade estable e competitivo.

Afirmou que o Goberno ten nas súas mans as medidas que poden poñer freo aos plans da empresa e instouno a que elabore un marco eléctrico estable, que dea certezas e non conduza á desconexión da industria do país: “O Goberno debe dar un paso adiante e achegar respostas como clarificar o sistema de interrompebilidade e executar os fondos previstos”.

Ao lado dos traballadores

A pesar do resultado do encontro de onte, Conde insistiu en que a axenda da Xunta segue aberta a próximos contactos que permitan atopar unha saída a esta situación.

O conselleiro finalizou lembrando que a principal prioridade son os centos de familias que están ameazadas polo ERE que vén de presentar Alcoa e que todos os esforzos que se están a realizar teñen un único obxectivo: salvagardar os seus postos de traballo e abrir as máximas canles de diálogo para conseguir que a empresa reverta a súa decisión. Así, explicou que se está actuando desde o plano institucional en diálogo aberto co Goberno, en alianza con Asturias e cos traballadores: “As súas reivindicacións, son hoxe as nosas reivindicacións”, subliñou Conde.

R., 2018-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES