Noticias

A primeira incubadora biotecnolóxica de Galicia contribuirá ao impulso de 40 novas bioempresas

A primeira incubadora galega do sector biotecnolóxico, converterase nun verdadeiro viveiro de oportunidades de investimento de alta rendibilidade permitindo a incubación de 40 novas bioempresas en Galicia. BioIncubaTech, da que xa manifestaron o seu interese en participar máis de 30 empresas tratoras como Inditex, Coren, Finsa ou Biofabri, enmárcase na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que ten entre os seus principais eixos de acción o de fomentar a transferencia de coñecemento ao mercado.

Así o destacou hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na presentación en Santiago desta iniciativa que lidera a Universidade de Santiago, Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago.

Conde sinalou que esta aceleradora pon de manifesto que en Galicia hai talento científico e vocación emprendedora lembrando que a Comunidade galega é a terceira con maior número de empresas biotecnolóxicas e se atopa entre as catro cun maior índice de emprendemento neste sector.

O titular de Economía gabou o labor do equipo de Bioga, Clusaga, e do Clúster da Saúde, que representan ao tecido empresarial asociado a este proxecto, e puxo en valor o compromiso da Administración autonómica co emprendemento a través da Rede galega de aceleradoras que hoxe suma BioIncubaTech e a semana pasada engadiu a dirixida á industria aeronáutica, constatando, deste xeito, segundo Conde, “o compromiso da Xunta co emprendemento e coa aceleración de novos proxectos de emprendemento en sectores claves da economía”.

BioIncubaTech, da que xa manifestaron o seu interese en participar máis de 30 empresas tratoras como Inditex, Coren, Finsa ou Biofabri, enmárcase na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que ten entre os seus principais eixos de acción o de fomentar a transferencia de coñecemento ao mercado. A Administración autonómica xa ten executado máis da metade do orzamento desta folla de ruta, 107 millóns de euros que permitiu o apoio de 300 proxectos, a creación de máis dunha decena de empresas e o incremento dos niveis de facturación e de postos de traballo de en torno ao 10%.

A Estratexia ten entre os seus obxectivos, aos que contribuirá a nova incubadora, elevar a facturación do sector un 20% ata os 300 millóns de euros; xerar un 25% máis de empregos asociados; e incrementar un 15% o número de empresas bio.

No eido específico da biotecnoloxía, BioIncubaTech complementa o traballo da primeira incubadora de fármacos en España que desenvolven desde Santiago a Fundación Kaertor e Janssen co apoio da Xunta e o da aceleradora Agrobiotech enfocada ao fortalecemento de empresas da agricultura, a biotecnoloxía ou a biomasa.

O titular de Economía, para rematar, apuntou que a nova incubadora é un exemplo claro de ata onde pode chegar a colaboración público-privada coa que a Xunta busca facer da biotecnoloxía o valor engadido da industria galega e impulsar a súa posición competitiva no panorama internacional.

R., 2018-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES