Noticias

A Xunta disporá en 2019 de ata 363 millóns de euros máis, e seguirá reducindo o déficit

O Conselleiro de Facenda presentou no Parlamento o teito de gasto para 2019, asegurando que é “realista e prudente”, e o máis san e o que menos recorre á débeda de toda a década. A revisión á alza da previsión de crecemento para 2018 queda no 2,8% e no 2,5% en 2019, polo que Galicia seguirá experimentando un forte crecemento

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que o teito de gasto non financeiro para 2019 presentado no Parlamento galego é o máis san de todos os elaborados pola Xunta de Galicia, xa que é o que menos utiliza o recurso á débeda. De feito, nos últimos catro anos o límite de gasto pasou de ter unha porcentaxe de débeda sobre o total superior ao 5%, a representar o recurso ao endebedamento tan só o 0,7% o vindeiro ano.

O teito de gasto non financeiro para 2019 ascende a 9.850 millóns de euros, un 3,8% máis que no actual exercicio. Isto supón un incremento de 363 millóns sobre o presuposto en vigor ao mesmo tempo que descende o recurso á débeda, xa que a Comunidade Autónoma reducirá o seu déficit ata os 69 millóns de euros, o que supón o 0,1% do PIB.

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda explicou que Galicia enlazará en 2019 cinco anos consecutivos de “forte crecemento”, nun exercicio no que seguirá baixando o paro, volverase reducir a ratio de débeda/PIB e se acadará “a práctica consolidación fiscal”. Tamén recalcou que, con este teito de gasto, a capacidade de gasto de Galicia nos últimos catro anos terá aumentado en 1.400 millóns de euros.

Valeriano Martínez incidiu en que este teito de gasto mantén a aposta por consolidar un modelo propio de crecemento en Galicia, en liña co marcado no Plan Estratéxico 2015-2020: “Un crecemento san, apoiado no control do déficit e do endebedamento públicos, no investimento produtivo e no pago áxil dos nosos compromisos”, sinalou.

Oito anos consecutivos con Teito de Gasto

Con este son xa oito anos consecutivos os que leva o Goberno galego presentando o límite de gasto para o vindeiro ano na Cámara, aínda que este ano non se puido aprobar nos prazos habituais. O conselleiro achacou esta situación ao Goberno central, que non comunicou unhas entregas a conta certas en xullo –xa que faltaba un mes do Imposto do Valor Engadido (IVE)-, o que impediu a súa aprobación en prazo.

Non obstante, a Xunta preparou o teito de gasto para presentalo cando fose posible, co obxectivo de poder presentar en tempo e forma os orzamentos para 2019. Neste sentido, engadiu que o actual Goberno galego é “solvente, responsable e cumpridor”, e por iso se leva á Cámara o límite de gasto nun momento en que “Galicia segue consolidando a recuperación económica e crecendo por riba de España”, afirmou.

Máis crecemento

En canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB para 2018 do 2,8%, e do 2,5% para 2019, polo que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é rebaixar unha décima a taxa de paro recollida nos orzamentos vixentes, ao pasar do 14,2% ao 14,1%, mentres que en 2019 seguirá baixando ata o 12,7%.

En resumo, o conselleiro de Facenda afirmou que o teito de gasto presentado hoxe na Cámara autonómica é “realista e prudente”, dentro da consolidación dun modelo de crecemento propio en Galicia que “facemos compatible coa consolidación fiscal” e “reducindo ao mínimo a dependencia da débeda”.

R., 2018-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES