Noticias

A mostra 'Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación' pecha con máis de 30.000 visitantes

A Cidade da Cultura despide este domingo, 14 de outubro, a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre as nosas artes plásticas: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación e cuxo enorme interese levou a máis de 30.000 persoas a achegarse, desde o pasado 16 de marzo, ao Museo Centro Gaiás para admirar unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e consideradas entre as máis importantes de España.

Por vez primeira, unha mesma exposición reuniu obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 119.

Ata o 14 de outubro, no Museo Centro Gaiás pode verse esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supuxo unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega. Á vez, esta exposición facilitoulle a toda sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que posúen as importantes coleccións privadas de ABANCA e Afundación.

Programa de actividades

Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación estivo aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contou cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, recibindo case 4.000 rapaces e rapazas procedentes de centros escolares. No entanto, a difusión tamén se ampliou aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.

Deste xeito, foi protagonista de moitas das accións do completo programa do Día dos Museos, nos que se fixeron visitas-express e visitas-online ao redor destas obras, e tamén se convidou os e as visitantes durante os dous días de celebración a compartir polas redes sociais cal era a súa obra favorita das 192. Neste programa tamén se organizou a acción ‘Coñece o teu museo por dentro’, que permitiu darlle a coñecer a sociedade como se xestiona e prepara unha exposición de tales dimensións como foi Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, distribuída en dous andares do Museo Centro Gaiás.

De igual forma, a exposición foi protagonista de As Nocturnas, un xeito distendido e ameno de coñecer a arte que acolle a Cidade da Cultura con música e petiscos da Denominación de Orixe Protexida de Queixos Arzúa-Ulloa. Celebradas fóra do horario habitual do Museo Centro Gaiás (ás 21 horas) foron todo un éxito coas entradas esgotadas nas sesións realizadas ao redor da mostra.

Montaxe atractiva

O atractivo desta exposición tamén estivo reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveu un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.

O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representou unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá máis alá da clausura da exposición.

A exposición organizou as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e a renovación ou os movementos da nova arte galega.

A través deste discurso Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación permitiu comprender como a construción da arte galega é o resultado de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e por outra banda, da súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencias e movementos internacionais.

R., 2018-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado que xa leva participado en varias edicións consecutivas do festival.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES