
O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta de Galicia, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. De feito, a previsión do Goberno galego é que a ratio de endebedamento situada no 18,6% continúe baixando ata o peche do exercicio, o que confirma que este indicador está totalmente estabilizado en Galicia desde o ano 2014.
Neste sentido, os datos do Banco de España publicados esta semana mostran que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. Así, Galicia baixou medio punto o seu endebedamento público no segundo trimestre do ano, cun descenso de 201 millóns de euros no seu volume global e sitúase como a quinta comunidade con menor endebedamento de España, a terceira se se exclúen as comunidades de réxime foral.
A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,6%, cinco décimas por debaixo da rexistrada no primeiro trimestre (19,1%) e catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (19,0%). Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,7%) aumenta ata os 6,1 puntos, cando a peche do exercicio 2008 estaba igualado á media.
A xestión rigorosa da Administración galega ten evitado que Galicia emitise uns 3.800 millóns de euros, xa que Galicia continúa sendo a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda nos últimos dez anos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.