
O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.
Así, comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.
Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.
Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.