Noticias

Feijóo salienta que o novo Plan Básico Autonómico contribuirá a converter Galicia nunha das rexións de Europa cun coñecemento máis claro, exhaustivo e actualizado do seu territorio

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo Plan Básico Autonómico, xunto ao compendio de actuacións levadas a cabo desde 2009, contribuirá a converter Galicia nunha das rexións a nivel europeo cun coñecemento máis claro, exhaustivo e actualizado do seu territorio e da súa regulación urbanística. “Estamos a falar dun plan deseñado polo conxunto dos galegos e que beneficiará ao conxunto dos galegos”, aseverou, referíndose aos 49 concellos que se rexen polas Normas Provinciais de 1991, nos que o plan será de aplicación directa.

Aos 170 concellos suxeitos a normas subsidiarias provinciais ou a PXOM non adaptados á Louga, nos que esta iniciativa permitirá corrixir as indeterminacións ou lagoas que existan; e ao conxunto dos 313 concellos galegos, ao concretarse todas as proteccións en solo rústico, que supón o 93% do territorio de Galicia.

Así mesmo, lembrou que sobre os cimentos deste Plan Básico Autonómico comezarán a deseñarse os futuros plans básicos municipais, que permitirán que os concellos máis pequenos de Galicia teñan as mesmas oportunidades que os grandes para acceder a un planeamento.

Ao respecto, precisou que os 37 municipios de menos de 5000 habitantes que aínda non dispoñen dun PXOM poderán contar así co apoio total da Xunta para ter este instrumento de ordenamento; “e os oito concellos que se interesaron especificamente por ter un Plan Básico Municipal serán os primeiros en iniciar a súa contratación”, engadiu.
Durante o acto de presentación, o presidente do Executivo autonómico aseverou ademais que, paralelamente, a Xunta seguirá traballando no deseño de novos instrumentos de ordenación como as Normas Técnicas de Planeamento, que homoxeneizarán as características de todos os documentos de planeamento que se redacten a partir de agora; ou a futura Lei de ordenación do territorio de Galicia, que substituirá a unha normativa de 1995.

Sobre este punto, Feijóo avanzou que no Consello de mañá, o Goberno galego autorizará o inicio da tramitación do anteproxecto deste novo texto.

Traballo conxunto entre institucións

“Temos un obxectivo claro: facer de Galicia un lugar mellor ordenado, aínda máis fermoso e máis cómodo para vivir”, sentenciou, incidindo en que para avanzar cara á esta meta é preciso o traballo conxunto entre institucións.

“Cómpre que os concellos sigan situando a mellora do ordenamento como unha prioridade, do mesmo modo que fixeron os 95 municipios que contan cun PXOM actualizado; e que o Goberno autonómico siga facilitándolles aos concellos o desenvolvemento dunha política urbanística, como fixemos coa ampliación das competencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, como facemos con este Plan Básico Autonómico e como faremos cos plans básicos municipais, que xa saíron a contratación cun orzamento total de 2,5 millóns de euros”, abundou.

Nesta mesma liña, precisou que os máis de 4350 planos do Plan Básico Autonómico recollen todas as afeccións derivadas da lexislación sectorial: costas, aeroportos, portos, estradas, ferrocarril, montes, canles fluviais, liñas eléctricas, espazos naturais e calquera outro elemento que obrigue a pedir informes e autorizacións específicas; as delimitacións dos instrumentos de ordenación do territorio que se foron aprobando ao longo destes anos; os máis de 40.000 elementos catalogados que existen en Galicia; e a regulación xeral dos usos de solo e da edificación que establece cada ordenanza tipo.

Feijóo concluíu asegurando que o Plan Básico Autonómico consolida a transformación do urbanismo en Galicia, á que tamén contribuíron a reforma da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, a aprobación das primeiras Directrices de Ordenación do Territorio e do primeiro Plan de ordenación do litoral, a nova Lei do solo e o seu regulamento e a publicación da Guía de cores e materiais.

Deste xeito, se no ano 2009, a Comunidade estaba no vagón de cola de España no relativo ao ordenamento urbanístico, nove anos despois, se atopa nos primeiros postos das autonomías en ter uns instrumentos urbanísticos actualizados, completos e útiles.

R., 2018-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES