
Segundo o IGE, o crecemento da economía galega entre abril e xuño sustentouse no incremento da demanda interna que avanzou un 3,0%- e no bo comportamento das exportacións de bens e servizos, que medraron un 4,5%. Os datos do organismo estatístico autonómico tamén mostran que a economía galega medrou un 0,6% con respecto ao primeiro trimestre. O avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional.
Ademais, no segundo trimestre produciuse tamén un importante crecemento da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial. O avance neste período foi do 8,1%, o maior rexistrado nos últimos doce anos.
Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria cun incremento anual do 4,1% na industria manufactureira, a máis intensiva en emprego- coma a construción (6,0%) e os servizos (2,3%). Tamén se rexistra unha importante mellora do sector primario, que pasa de medrar un 0,3% a un 1,9%.
17.900 novos empregos a tempo completo
As contas trimestrais do IGE confirman tamén que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral. No primeiro trimestre creáronse 17.864 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 1,8% respecto ao segundo trimestre de 2017, dous décimas máis que o rexistrado no trimestre anterior. O incremento foi maior no emprego asalariado, ata situarse no 3,2%.
Os datos de contabilidade trimestral indican que o emprego a tempo completo está a medrar con forza na industria (3,9%), a construción (5,3%) e os servizos (1,8%).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.