Noticias

O programa Principia promove a captación de talento coa incorporación de 110 profesionais menores de 35 anos en 59 entidades galegas

A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Principia que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas titulados en 59 entidades galegas. Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i. Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia.

O programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Nesta terceira convocatoria -que conta cun investimento público de 1,1M€ que mobilizará 3,4- o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos, cun total de 50, seguida de Pontevedra, con 40, e Lugo e Ourense con 10 cada unha.

Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, o 64% dos contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral e a media de idade non chega aos 28 anos.

Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, e contando esta nova edición, concedeu axudas para a contratación de máis de 372 profesionais que se traduce nunha mobilización de 11,7 millóns de euros en 158 entidades. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.

No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.

R., 2018-08-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES