Noticias

Máis de 12,3 millóns de euros en axudas para a mellora da eficiencia enerxética, sustentabilidade, conservación e accesibilidade das vivendas

A Xunta destinará máis de 12,3 millóns de euros ás axudas dos programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, da conservación e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivendas 2018- 2021, cuxa convocatoria publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Estas axudas están dirixidas aos propietarios das vivendas a rehabilitar, as comunidades e agrupacións de propietarios, cooperativas, empresas construtoras ou arrendatarias ou concesionarias de edificios de vivendas. Tamén poderán beneficiarse das subvencións os arrendatarios da vivenda que realicen a rehabilitación de acordo co propietario.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG, é dicir, a partir de mañá. No seguinte enlace pódese ampliar a información desta resolución: https://goo.gl/1t72Kp

Dúas liñas de axudas

O programa conta con dúas liñas de axudas, unha delas, A, para financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentación, con especial atención á envolvente edificatoria; e outra, B, dirixida a actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

Na liña A considéranse actuacións subvencionables a mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio, a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes.

Tamén se inclúen neste apartado a instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables e as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións como o illamento sonoro.

Entre as actuacións subvencionables tamén se contemplan as que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas que, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial en, polo menos, un 50 por cento.

Ademais, en edificios de residencia colectiva, subvencionaranse a mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, a mellora do subministro de auga e aforro da mesma ou do saneamento separativo.

Na liña B considéranse actuacións sustentables as relativas á conservación da cimentación, da estrutura, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade.

Requisitos das vivendas

As vivendas e edificios a rehabilitar deberán estar rematadas antes do 1 de xaneiro de 1996 e constituír a residencia habitual e permanente dos propietarios ou arrendatarios no momento de solicitar a axuda.

No caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva, polo menos o 70 % da superficie construída terá uso residencial, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores. Ademais, polo menos o 50 % das vivendas deberán constituír o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias no momento da solicitude.

Contía das axudas

A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 % do custo subvencionable da actuación, podendo chegar ao 75 % nos casos de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem ou de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

As axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trata de inmobles declarados Ben de Interese Cultural, estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Ademais, as axudas incrementaranse nun 25 % cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

R., 2018-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES