
Esta medida, incluída dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, busca incentivar o retorno dos galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no Sistema Universitario de Galicia.
De feito, esta acción súmase ás Becas de Excelencia Mocidade Exterior para rapaces que queren cursar un máster (xa vai pola segunda convocatoria despois de beneficiar a 100 mozos), así como ás axudas para estudantes de grao retornados. Esta última, aínda por poñer en marcha, é unha medida incluída no Plan de excelencia para o Sistema Universitario de Galicia, coa que se busca incrementar o número de alumnado iberoamericano nas tres universidades galegas.
Nos tres casos, o obxectivo último é promover que os mozos galegos que residen no exterior non só estuden en Galicia (ben sexa un ciclo superior, un grao ou un máster), senón que finalmente se incorporen ao mercado laboral galego.
Presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá venres día 10. As peticións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta resolución a título informativo, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
En todo caso, quen non posúa DNI ou NIE ou certificado electrónico aceptado pola sede electrónica da Xunta poderá presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Requisitos
Neste procedemento, o mozo ou moza debe cumprir e acreditar unha serie de requisitos tanto no prazo de presentación de solicitudes, como na propia data de concesión da bolsa. Deste xeito, cando presente a súa solicitude debe ser menor de 30 anos; estar en posesión da nacionalidade española; residir no estranxeiro no ano da solicitude; e acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data final do prazo de presentación da solicitude. Ademais, é necesario ser emigrante nado en Galicia ou ter residido en Galicia de xeito continuado durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e ter nacido no estranxeiro; así como cumprir os requisitos académicos de acceso a ciclos de grao superior de FP.
Na data de concesión da bolsa, no caso das persoas nacidas no estranxeiro, deben acreditar estar vinculadas (residencia legal) a un concello galego e estar matriculadas no curso 2018/19 nun ciclo de formación profesional de grao superior sostido con fondos públicos, ben de réxime ordinario ou de formación profesional dual.
5.000 euros cada curso
Cada bolsa está dotada cunha contía de 10.000 euros, que se distribuirán en 5.000 euros para cada curso. En todo caso, os pagamentos estarán condicionados aos requisitos de matriculación e rendemento académico. Neste sentido, no caso de non cumprir os requisitos de promoción a 2º curso e, xa que logo, non poder matricularse nel, non se percibirá a axuda do segundo ano.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.