
Subliñou que estas axudas se suman á convocatoria das de alugueiro, cun orzamento de case 15 millóns de euros, cuxo prazo de solicitude remata hoxe, tras ter adiantado a Xunta a súa publicación a finais do mes de xuño.
Destacou que o Goberno galego está a aproveitar ao máximo esta planificación estatal de axudas en materia de vivenda, con marcado carácter social, tratando de axilizar as convocatorias para que os beneficios do plan cheguen canto antes aos cidadáns.
Este plan foi acordado e aprobado polo anterior Executivo español cun incremento dos recursos para Galicia de máis do 60% con respecto ao anterior, un total de 107 millóns de euros que beneficiarán a 18.700 familias, que verán mellorada as súa calidade de vida, xerándose 11.000 empregos e unha mobilización de recursos de máis de 250 millóns de euros.
A conselleira sinalou que este investimento é posible porque a Xunta ten elevado ao máximo o financiamento autonómico, cunha achega de 25 millóns de euros, o que permitiu tamén acadar o tope de investimento do estado, que ascende a 82,2 millóns.
Subliñou a grande oportunidade que o plan significa para continuar avanzando nos grandes obxectivos do Goberno galego no eido da vivenda, unha materia prioritaria. Concretou que estes recursos posibilitarán continuar coa aposta autonómica pola rehabilitación e o impulso do alugueiro, coa loita contra os desafiuzamentos e a dinamización do rural.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.