Noticias

O programa Resolve favorecerá o financiamento de 100 pemes galegas a través da concesión de préstamos

A Xunta ten previsto mobilizar 15 millóns de euros en préstamos para impulsar o acceso ao circulante das pemes e os autónomos galegos a través do lanzamento nas próximas semanas dunha nova convocatoria do programa Resolve, co obxectivo de colaborar co tecido empresarial galego e contribuír ao mantemento do emprego mellorando a situación financeira de arredor de 100 pequenas e medianas empresas. Así, favorecerase o funcionamento diario das pequenas e medianas empresas facilitando a concesión de préstamos a partir de 3000 euros. Como novidade este ano, increméntase o importe máximo dos créditos ata os 500.000 euros, fronte aos 150.000 da anterior convocatoria.

Deste xeito, impúlsase o acceso ao financiamento de circulante mediante préstamos avalados nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) que, á súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido.

As operacións apoiadas a través do Resolve, que se articula a través dun convenio entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras, terán un prazo máximo de duración de 7 anos, incluídos 2 de carencia. Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases que regulan este programa, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2018.

A través do programa Resolve, posto en marcha en 2009, a Xunta leva aprobadas nos últimos anos máis de 3200 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 111 millóns de euros. Esta iniciativa, que mediante axudas en forma de garantía, favorece o acceso ao crédito das empresas galegas reforzándoas ante as entidades financeiras, forma parte do paquete integral de financiamento da Xunta denominado Galicia 1000.

R., 2018-07-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES