
Ao longo dunha rolda de prensa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, explicou as principais vantaxes que se conseguen con esta nova normativa: a identificación de todos os asentamentos de poboación da Comunidade, agora sábese que son 39.000, coas súas afeccións sectoriais; a definición das áreas do territorio nas cales sexa necesario recadar informe dos diferentes organismos con competencias sectoriais, de xeito que dará transparencia e axilidade ao mecanismo de solicitude destes informes; e establecerá unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación, de acordo coas súas determinacións, a través dunhas ordenanzas tipo que serán incorporadas aos plans básicos municipais.
Ao fío disto o presidente da Xunta quixo salientar o gran traballo que desenvolveu o Instituto de Estudos do Territorio ao recadar toda esta información, fundamental para a elaboración deste plan.
Esta nova normativa aplicarase nos plans básicos municipais para 38 concellos de menos de 5.000 habitantes que aínda se rexen polas Normas Provinciais de 1991 e, complementariamente, nos 177 municipios suxeitos a normas subsidiarias municipais ou PXOM desactualizados. Así, segundo o presidente, garántese unha seguridade xurídica para que non se paralice o Concello en caso de non ter aprobado o PXOM e evítanse disparates urbanísticos que poderían amparar normas obsoletas.
O texto foi aprobado definitivamente nun prazo de sete meses desde a aprobación inicial, tras superar una tramitación que incluíu unha exposición pública de dous meses para garantir a participación cidadá e tras solicitar os informes sectoriais preceptivos e os informes determinantes a 313 concellos. Tomáronse en consideración, dixo, 700 alegacións, o 70% das que se recibiron.
Para finalizar, Feijóo subliñou que se prevé que os primeiros plans básicos municipais estean listos ao longo do ano que vén cumprindo cos obxectivos marcados de que non haxa ningún concello sen PXOM e garantindo que o ordenamento se desenvolva de forma sustentable e contribuíndo a vertebrar o país.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.