
A conselleira engadiu que nun contexto marcado polo axuste do orzamento é imprescindible aforrar en papelame e tramitación e non nas axudas que chegan aos beneficiarios. Neste sentido, sinalou que loitará por manter a financiación actual da PAC, xa que é vital para o noso rural.
O encontro de hoxe, precisamente, foi na liña de concretar a fórmula para axilizar e simplificar o proceso, algo que beneficiaría a Galicia, onde existen 15 millóns de parcelas en só 500.000 hectáreas. Estes predios correspóndense con 33.000 beneficiarios da PAC, o que supón un inxente traballo de xestión e control para a administración e representa unha considerable carga burocrática, ademais de dificultar a correcta atención ao propio administrado. Neste sentido, avógase pola dixitalización e as novas tecnoloxías para desenvolver os controis sobre o terreo.
Características específicas
Outra ferramenta para simplificar a nova PAC poden ser os plans estratéxicos que rexerá a política en cada estado membro. Así, cada país poderá tomar as súas decisións en base aos seus intereses acordados. No caso concreto de España, Ángeles Vázquez, sinalou que haberá que ter en conta as características específicas de cada autonomía.
Será nestes encontros en Bruxelas onde se teñan que concretar e clarificar as normas que despois se levarán a cabo. Por iso, a Xunta entende este como un período crucial no que Galicia loitará por garantir o mantemento do orzamento e que a política agraria responda aos intereses dos gandeiros e agricultores galegos e do conxunto de España despois de 2020. Neste sentido, a conselleira apelou unha vez máis á lealdade total e absoluta ao ministerio neste proceso que hoxe se abre.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.