Noticias

Falece o ex-presidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor aos 100 anos de idade

Faleceu esta mañá en Santiago de Compostela aos 100 anos de idade Xerardo Fernández Albor. Foi o primeiro presidente electo da Xunta de Galicia e, segundo a declaración institucional que o goberno galego acaba de publicar, 'déixanos o seu compromiso coa lingua e a cultura propias da nosa terra; déixanos a súa visión dunha Europa unida e dunha España unida na que Galicia ten voz propia; déixanos unha concepción da política baseada na nobreza, na xenerosidade e no servizo público e déixanos o seu traballo a prol dunha Galicia autonómica, con capacidade para resolver os nosos propios problemas desde a lealdade cara ao resto de España.' A Xunta decretou tres días de loito oficial.

Declaración Institucional da Xunta de Galicia

Estabamos mantendo a xuntanza do Goberno cando coñecemos a triste noticia do falecemento do Presidente Albor.

Xerardo Fernández Albor foi unha das pezas fundamentais da historia galega do século XX e, sobre todo, un dos principais arquitectos da Galicia autonómica da que hoxe todas as galegas e todos os galegos estamos a desfrutar.

A débeda de gratitude que ten esta terra con Albor é tan grande que probablemente necesitemos moitos anos para poder comprendela en toda a súa importancia. Débeda de gratitude ao Presidente Albor como Presidente da Xunta, como intelectual, como doutor e como galego.

Como Presidente da Xunta, foi o máximo expoñente dun dos fundamentos da política galega: o sentidiño. Albor presidiu Galicia nunha época na que todo estaba por facer e el deixouno feito, pero sempre coa humildade e coa prudencia que o caracterizou ata o final.

Como intelectual, o Presidente Albor foi un dos grandes teóricos do galeguismo inclusivo, dunha idea de Galicia que non deixase fóra ningún sentimento, ningunha identidade, que non excluíse a ningún galego. A Galicia que imaxinou Albor é a Galicia que temos hoxe: profundamente galega, profundamente española e profundamente europea.

Como doutor, abandeirou unha visión social e moderna da medicina e amosou o seu compromiso coa formación de novos médicos e coa mellora do sistema asistencial en Santiago de Compostela.

E como galego, Albor demostrou que se poden atesourar todas estas calidades sen apartarse un palmo do seu pobo, ao que sempre foi leal, ao que sempre foi próximo e ao que sempre foi accesible.

Galicia tivo a fortuna de dispoñer dun home do Renacemento en pleno século XX. Aínda que podía ter escollido outros camiños na súa vida —probablemente moito máis doados—, Albor situou Galicia por diante de todos os camiños e puxo a súa formación, o seu talento e o seu carácter ao servizo do progreso de Galicia.

A súa única motivación como Presidente da Xunta resumiuna no seu primeiro discurso ante o Parlamento, tomando prestadas unhas palabras de Castelao: “Dar aos galegos luz na súa noite, pan ás súas demandas e dignidade á súa vida”

A luz, o pan e a dignidade que ten hoxe Galicia son parte da herdanza que nos deixa Xerardo Fernández Albor.

É moito o que podemos destacar do legado de Albor, pois viviu 100 anos dunha vida extraordinariamente activa e frutífera: déixanos o seu compromiso coa lingua e a cultura propias da nosa terra; déixanos a súa visión dunha Europa unida e dunha España unida na que Galicia ten voz propia; déixanos unha concepción da política baseada na nobreza, na xenerosidade e no servizo público e déixanos o seu traballo a prol dunha Galicia autonómica, con capacidade para resolver os nosos propios problemas desde a lealdade cara ao resto de España.

Se a Galicia de 1917 ten moi pouco que ver coa de 2018, é grazas a persoas como Xerardo Fernández Albor. Por iso creo sinceramente, e celebro terllo dito persoalmente en varias ocasións ao longo dos últimos anos, que Albor pode estar orgulloso da Galicia que deixa e que Galicia debe estar moi orgullosa de ter tido como Presidente a Xerardo Fernández Albor.

Hoxe, o Consello da Xunta acaba de decretar tres días de loito oficial polo seu falecemento, como xeito de expresar a dor e o recoñecemento que o noso pobo sente cara á súa figura. Vaise —nas súas propias palabras— un home que pensou que o diálogo é o mellor camiño, que o outro pode ter razón e que o fin nunca xustifica os medios.

Deixounos o home, pero a súa obra e o seu pensamento permanecerán sempre entre nós. Descanse en paz, Xerardo Fernández Albor.

R., 2018-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES