Noticias

O acordo entre a Xunta e as seis comercializadoras de enerxía eléctrica garante aos consumidores máis vulnerables o acceso continuado ao servizo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a sinatura do protocolo de colaboración da Xunta e as empresas comercializadoras de enerxía eléctrica de referencia –Iberdrola, EDP, Endesa Energía XXI, CHC, Viesgo e Gas&Power-, que este acordo protexerá aos consumidores máis vulnerables garantindo o seu acceso continuado aos servizo. Este protocolo ten como obxectivo establecer as actuacións que desenvolverán para evitar os cortes de subministración.

Con este acordo e a posta en marcha da orde de axudas da Xunta, Galicia convértese na primeira Comunidade en dar resposta á posibilidade que o Real Decreto que regula o novo bono social ofrecía ás administracións autonómicas para cooperar no financiamento das facturas eléctricas dos consumidores máis desfavorecidos: “Esta medida que pon en marcha o Goberno galego, e que é pioneira, responde á colaboración institucional da Xunta co Estado e coas comercializadoras, xa que para poñela en marcha coordinámonos tanto co Ministerio como coa CNMC”, informou.

Tal e como explicou o conselleiro, estes apoios -cuxo prazo de presentación se abriu o pasado 5 de xullo e que se manterá activo ata o 15 de decembro, coa previsión de continuar con esta orde de axudas en 2019- contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que se ampliará se é necesario. Deste xeito, a Xunta cubre o 50% da factura eléctrica dos beneficiarios ata un máximo de 200 ou 450 euros anuais, no caso das familias numerosas.

Estas axudas complementan o bono social pactado entre o Estado e as empresas comercializadoras para que os beneficiarios non teñan que pagar as súas facturas eléctricas e, ademais, garanten un acceso continuado á electricidade nos fogares máis desfavorecidos, xa que o protocolo contempla o compromiso das empresas para non suspender o servizo ás persoas que reciban estes apoios da Xunta.

Os requisitos para acceder a esta axuda, de concorrencia non competitiva, son ser residente en Galicia e titular dun contrato, ter contratada a tarifa de último recurso con aplicación do bono social eléctrico do 40% do Estado, e estar en risco de exclusión social, punto que deberá ser acreditado mediante certificado ou informe dos servizos sociais.

Conde destacou a vontade do Goberno galego por dar as maiores facilidades posibles aos interesados e, por iso, as solicitudes poden presentarse tanto de xeito presencial como telemático, nun procedemento áxil no que o prazo máximo para resolver será dun mes desde a presentación da solicitude. Os pagamentos realizaranse todos os meses desde a Xunta ás comercalizadoras.

O conselleiro sinalou a boa disposición das seis empresas asinantes á hora de firmar este protocolo que busca dar unha solución ás familias desfavorecidas para que non se vexan privadas dunha necesidade tan básica como a enerxía eléctrica nos fogares e insistiu na importancia da cooperación e colaboración entre administracións e empresas para dar resposta ás necesidades dos cidadáns.

R., 2018-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES