Noticias

Galicia logra situar o cambio demográfico no centro do debate sobre o futuro de Europa no Comité das Rexións

A Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) debateu e aprobou hoxe, na súa 19ª reunión, o ditame "Reflexionar sobre Europa: a voz dos entes locais e rexionais para reconstruír a confianza na Unión Europea" elaborado polo presidente do CdR, Karl- Heinz Lambertz, e o vicepresidente primeiro, Markku Markkula. Galicia, representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, logrou incluír o cambio demográfico como unha das principais preocupacións dos entes locais e rexionais recollidas no ditame, xunto ao cambio climático ou a cohesión.

Desde 2016 e como parte da reflexión en curso, a asemblea da UE dos entes locais e rexionais puxo en marcha a iniciativa «Reflexionar sobre Europa», que inclúe diálogos con cidadáns e a participación de membros do CDR en comunidades locais, centros de ensino ou parlamentos rexionais. O obxectivo é brindar aos cidadáns un espazo onde poidan expresar as súas preocupacións e expectativas sobre Europa. Deste xeito, e a través deste ditame, o Comité responderá á petición do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, de remitir as recomendacións sobre a maneira de restablecer a confianza dos cidadáns na Unión Europea a través das autoridades locais e rexionais que, ademais, se utilizarán para alimentar o debate de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo mes de maio.

Así, entre marzo de 2016 e xuño de 2018, o CdR organizou 164 eventos locais en 27 países europeos - dous deles en Galicia - coa participación de máis de 150 membros do Comité e 15.000 participantes en asociación cos seus membros rexionais e locais. Tras este exercicio, o ditame destaca o desexo da cidadanía dun proxecto de UE baseado na solidariedade, a cohesión e a proximidade.

Por outra banda, recolle tamén as principais preocupacións expresadas nos diálogos cos cidadáns como son a lenta aplicación de solucións, especialmente no ámbito do desemprego, a migración e a situación económica en xeral. O ditame destaca tamén o sentimento xeneralizado dunha UE que non está preto, polo que se reitera a necesidade de ancorar as políticas europeas localmente para lograr unha diferenza na vida das persoas así como a necesidade de achegarse aos mozos.

Ampliación e orzamento

Os membros da comisión CIVEX tamén intercambiaron puntos de vista sobre o paquete de ampliación da UE e sobre o paquete do Marco Financeiro Plurianual para 2021-2027, centrándose nas propostas lexislativas presentadas recentemente pola Comisión Europea e contando o debate coa participación de representantes da Comisión Europea.

Competencias da comisión CIVEX

A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité Europeo das Rexións.

A comisión ten competencia en múltiples ámbitos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.

R., 2018-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES