
A Consellería de Facenda publicará a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2018, coa que se actualizan con efectos do 1 de xaneiro as contías das retribucións, que experimentan un incremento do 1,5%.
O incremento retributivo farase efectivo -de acordo coa instrución que se publicará no DOG- nas nóminas que se aboen aos empregados públicos a partires deste mes de xullo. Dado que esta suba salarial ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2018, tamén se aboará un pago adicional duns 250 euros por traballador que se corresponde cos atrasos devindicados desde esta mesma data.
A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa preveu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2018.
Suba salarial para 100.000 traballadores
A Xunta prevé que uns 100.000 traballadores galegos van percibir este mes a mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballan nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.
A nivel provincial, o incremento das retribucións beneficiará a uns 37.500 empregados públicos da provincia da Coruña, a uns 12.300 traballadores na de Lugo, a máis de 11.000 na de Ourense e a preto de 26.500 traballadores na provincia de Pontevedra. A todos eles súmase o persoal das universidades e do ensino concertado nas catro provincias.
A suba do 0,25% restante
O acordo asinado en marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF establece unha suba salarial para o ano 2018, produto da suma dun 1,5% fixo e un 0,25% variable, este último con efectos de un de xullo. Esta última porcentaxe está condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior.
A Xunta aplicará xa na nómina de xullo un incremento salarial do 1,5%, pero o 0,25% restante non se pode aplicar ata que o Goberno do Estado acorde e dea traslado ás Comunidades Autónomas do devandito acordo no que se determine o cumprimento do obxectivo antes mencionado, segundo establece o documento subscrito en marzo de 2018 entre o Goberno de España e as organizacións sindicais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.