
Nota de prensa del Foro Económico de Galicia:
O Foro Económico de Galicia vén de presentar un novo documento titulado Turismo rural: Diagnose e propostas do que son coordinadores os profesores da Universidade de Vigo, Miguel Rodríguez e Elisa Alén. O punto de partida do traballo é dar resposta á pregunta de se o turismo rural en Galicia está a favorecer o crecemento socioeconómico do rural galego. Con esta finalidade, faise inicialmente unha diagnose da situación actual para a logo facer distintas propostas de actuación.
A situación actual do turismo rural en Galicia caracterízase por unha baixa ocupación media, pouca rendibilidade económica (baseada fundamentalmente na complementariedade de rendas e no traballo familiar) e falta de produción de produtos turísticos rurais integrados que combatan adecuadamente a estacionalidade, fixen poboación e dinamicen as economías rurais.
É preciso poñer en marcha propostas de actuación centradas fundamentalmente en ofertar un produto integral e diferenciado. Neste senso, precisamos darlle un pulo ao receptivo como elemento desestacionalizador desenvolvendo experiencias turísticas centradas na valorización dos nosos recursos diferenciadores.
En definitiva, é necesaria unha reordenación do turismo rural que inclúa unha especialización territorial e outra temática, pero sempre en consonancia coa propia base produtiva de cada comarca. A existencia dos xeodestinos, baseados nunha especialización de tipo comarcal, é unha oportunidade para esa segmentación territorial. Esta especialización precisa dunha oferta complementaria ao propio aloxamento, mediante a creación de ofertas de turismo activo, tanto polos titulares dos establecemento turísticos como por outras empresas locais, xerando oportunidades de novos empregos e actividades económicas. Para tal fin, deberíase poñer en valor aqueles negocios que traballan de maneira máis profesionalizada.
Fotografía: Foro Económico de Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.