
Nota de prensa del sindicato CC.OO.-Galicia:
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou un estudo en que alerta do empobrecemento das traballadoras galegas e das desigualdades laborais. Silvia Parga, economista do sindicato, debullou os principais aspectos que explican a fenda salarial entre mulleres e homes, así como a crecente precariedade laboral da poboación feminina. Á luz dos datos, Mamen Sabio, secretaria da Muller de CCOO, defendeu que está «plenamente xustificada» a convocatoria de folga do xoves, día 8 de marzo.
Segundo Mamen Sabio, «a igualdade efectiva entre sexos segue sendo unha materia pendente, e vese ben claro no eido laboral». Puxo como exemplo que en Galicia hai máis mulleres (52 %) ca homes en idade de traballar, pero participan menos no mercado laboral: o 49,41 % das mulleres en idade legal de traballar son activas, porcentaxe que se incrementa ao 57,9 % no caso dos homes. A barreira é aínda maior no que atangue aos postos de responsabilidade, nos que as mulleres «continúan a ser clara minoría» (30 %), reprochou a sindicalista.
Hai traballando menos mulleres ca homes e, por riba, «o seu emprego é máis precario», abundou Silvia Parga. A economista de CCOO explicou que no 2017 traballaban a xornada parcial o 22 % das mulleres, situación na que só estaba o 6 % dos homes. É máis: o 77 % dos empregos a xornada parcial están ocupados por mulleres. Neste punto, Mamen Sabio puntualizou que o 60 % das traballadoras a tempo parcial non desexaban estar nesa situación, mais aceptaron «ao non atopar un emprego a tempo completo».
Máis mulleres con xornadas a tempo parcial, pero tamén máis traballadoras con empregos temporais: no 2017, o 28,7 % das traballadoras por conta allea tiñan un emprego temporal, fronte ao 25,3 % dos homes. Ademais, as mulleres concéntranse sobre todo no sector dos servizos, especialmente nas ramas máis feminizadas, que son tamén as peor remuneradas.
O emprego a tempo parcial, a precariedade, a segregación ocupacional, as brechas nas taxas de actividade, ocupación e paro, entre outros factores, axudan a explicar por que os salarios das mulleres son, en media, inferiores aos dos homes. Tamén explican por que o fenómeno da «pobreza laboral» prexudica máis as mulleres. «Hoxe en día, ter un posto de traballo non exclúe automaticamente que unha persoa, especialmente se é muller, poida estar no limiar da pobreza», lamentou Mamen Sabio.
Segundo os datos da enquisa anual de estrutura salarial, a diferenza salarial entre homes e mulleres alcanzou os 5096,50 euros no 2015. Isto quere dicir que o salario medio anual das mulleres tería que aumentar un 28,2 % para equiparse ao dos homes.
As mulleres son maioría nos tramos salariais máis baixos. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no 2016, o 36,2 % das asalariadas obtiveron uns ingresos salariais que non superaban o salario mínimo interprofesional, dez puntos por riba dos homes na mesma situación (26,1 %).
A precariedade e a pobreza salarial no presente tradúcense en «peores prestacións por desemprego e paupérrimas pensións futuras», alertaron Parga e Sabio. A brecha de xénero nas prestacións por desemprego sitúase no 16,7 %, mentres que nas pensións está no 40,5 %. Así mesmo, a pensión dunha porcentaxe moi alta de mulleres apenas supera os 600 euros en catorce pagas ao ano. No 2016, o 45 % das mulleres pensionistas percibiron uns ingresos inferiores á pensión mínima interprofesional (8449 euros anuais). No caso dos homes, a porcentaxe diminúe ata o 33 %.
Após a exposición deste estudo, a secretaria da Muller de CCOO chamou a facer da folga do próximo día 8 «un éxito». Sabio asegurou que o sindicalismo de clase «ten que dar un paso adiante» para combater estas desigualdades, e alertou especialmente sobre a fenda salarial e as súas repercusións: «róubannos salario e róubannos pensións», enfatizou.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.