
Nota de prensa del Consello da Cultura Galega (CCG):
O encontro, programado para os días 16 e 17 de novembro no Consello da Cultura Galega, está coordinado por Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, e nel participan Juan Pablo Fusi, Antón Baamonde, Andrés Torres Queiruga, Carlos Pajares, Damián Villalaín, Fernando Valls, Xosé Manuel Dasilva, Olivia Rodríguez, María Xosé Porteiro, Fernanda Tabarés, Tucho Calvo e Luís Álvarez Pousa.
Unha ollada atenta á historia galega das últimas décadas do século XX revela que Carlos Casares foi moito máis ca un creador e, por esa razón, o Consello da Cultura Galega -institución que presidiu entre 1996 e 2002- quere poñer o foco na súa faceta pública coma escritor e coma intelectual. Neste encontro analízase o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición e da nacente Galicia autonómica, así como a súa actividade como difusor das letras galegas no exterior e o seu firme compromiso co afortalamento dun sistema literario maduro, autónomo e de calidade.
Nas diferentes sesións contextualizaremos na historia das últimas décadas o seu labor político, a súa obra xornalística e o seu compromiso cun xornalismo independente ao servizo do público lector. Tamén afondaremos nas súas relacións amicais, institucionais e editoriais con outras literaturas e na importancia que para o Casares creador e editor tivo a tradución entendida non só como canle de exportación e importación de textos e senón tamén como ponte de comunicación intercultural.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.