
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O responsable socialista advertiu que, de acordo cos datos da EPA coñecidos, a ocupación medra escasamente a metade do conxunto do Estado. Neste contexto, considera excesivamente optimista que o conselleiro teña previsto crear 17.500 empregos no próximo ano, cando en 2017 só puideron crear 14.500 e cando din que a situación de Cataluña vai provocar un crecemento menor.
Losada advertiu que en Galicia rexistramos unha característica peculiar, somos o único goberno autonómico na que con 14.500 ocupados mais rexistra 25.000 parados menos, e reclamou unha hipótese de traballo que explique este fenómeno e clarificar se realmente a xente se desanima, marcha ou o que sexa.
Criticou que neste contexto a Consellería teña conxelados os fondos para emprego, e os datos de execución orzamentaria coñecidos a terceiro trimestre do ano revelan que tan só gastaron o 19,3 por cento as partidas consignadas a fomento da empregabilidade. Advertiu que a Xunta deixou sen investir 263 millóns de euros do programa de Promoción do emprego, no que só executaron o 25,1 por cento.
Engadiu que o crecemento rexistrado supón o incremento do emprego precario e polo tanto dos traballadores pobres, das familias con dificultades para chegar a fin de mes, e aínda hai 61.700 familias con tódolos seus membros en paro, o que evidencia que o emprego non é unha prioridade para este goberno.
O responsable socialista criticou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria rexistre crecemento cero ao medrar un 3,2 por cento, o mesmo que aumenta o IPC, e que ademais sexa a terceira que menos medra de todo o goberno. Criticou as baixas taxas de execución das partidas previstas, que resulta extremadamente baixo para o terceiro trimestre.
De acordo con estes datos, a promoción de emprego e institucións do mercado de traballo só executaron o 25,1 por cento do previsto, con partidas específicas, como a de fomento da empregabilidade, que apenas chega ao 19,3 por cento. No caso de industria, enerxía e minaría tan só executaron o 25,8 por cento, en desenvolvemento empresarial o 13,4 por cento, e o 12,4 por cento en comercio.
Finalmente, sinalou a alta dificultade de acceso a medidas como o tique eléctrico social, que ademais afecta a tan só 3.232 fogares, apenas o 10 por cento dos fogares sen ingresos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.