
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia:
Galicia xa se puxo en marcha en defensa dunhas pensións dignas. Pensionistas de todo o país mobilízanse con CCOO e UGT en defensa do sistema público de pensións cunha marcha a pé que os levará ata Madrid, onde se manifestarán o vindeiro día 9 xunta compañeiras e compañeiros de todo o Estado. O inicio simbólico desta adhesión tivo lugar cunha multitudinaria asemblea fronte á sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano.
Na súa intervención, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, salientou o compromiso do colectivo de pensionistas e mais a súa solidariedade: «A vosa militancia non está só co índice de revalorización das pensións», apuntou, tamén está «cos douscentos mil parados galegos, cos cen mil que non teñen ningunha prestación, está con todas as traballadoras e traballadores precarios, que son os vosos fillos ou netos».
Sarmiento asegurou que o «outono quente» de mobilizacións anunciado polo sindicato «comeza polas pensións, pero ten que rematar cunha gran mobilización social que teña en conta os dereitos dos cidadáns e das cidadás». Ao seu ver, as pensións, o emprego, os dereitos sociais e os servizos públicos «deberían ser as prioridades do debate social neste país», porque isto é «o que realmente lle importa á clase traballadora».
Finalmente, o secretario xeral de CCOO instou as forzas de esquerda, as organizacións «chamadas a ser unha alternativa», a se poren de acordo para desaloxar o PP do Goberno tanto en Galicia como no Estado. «Están tardando», dixo.
os sindicatos tratan de xerar debate social sobre a problemática do presente e o futuro das pensións, a rede máis potente de protección social e que dá cobertura non só aos nove millóns de persoas que perciben unha pensión, senón a moitas familias que a día de hoxe dependen delas. De feito, o corenta por cento das pensións cobren por completo as súas respectivas unidades familiares.
No punto en que se está actualmente, urxe unha volta á concertación sobre o modelo de pensións que rompeu coa reforma imposta polo PP no ano 2013, co fin de recuperar o futuro dunhas pensións dignas e terminar co empobrecemento dos pensionistas. Só un dato: hoxe, o corenta por cento das pensións que se cobran en Galicia andan polos 600 euros, xusto no limiar da exclusión social e da pobreza.
CCOO e UGT demandan que se asegure o poder adquisitivo das pensións, erradicar o déficit da Seguridade Social, garantir o presente e futuro das pensións e que o Goberno atenda as iniciativas aprobadas no Parlamento para garantir o poder de compra das pensións.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.