
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro na estación de autobuses de Ourense con representantes de pequenas e medianas empresas do transporte na provincia que lle transmitiron a súa preocupación polo deterioro do servizo público de transporte que traerá consigo o plan aprobado unilateralmente pola Xunta.
A dirixente do Bloque advirte que o plan de transporte do Goberno suporá un recorte de liñas, sobre todo nos concellos de menor poboación, suprime o servizo de transporte escolar que pasa a estar integrado no transporte regular de viaxeiros e pon en risco o tecido empresarial galego do sector.
O problema creado pola Xunta con transporte público en Galiza van pagalo os usuarios e as usuarias en particular nas zonas do interior e do rural, porque este plan é un anticipo dun gran recorte de liñas e de servizos e quen vai acabar por pagar é a cidadanía, salientou Pontón, porque a Xunta non está facendo unha aposta por un transporte público de calidade.
A segunda cuestión que puxo sobre a mesa a portavoz do Bloque é que desaparece o transporte escolar e os nenos e nenas pasan a ser incluídos en liñas de transporte regular. Este plan elimina o transporte escolar como tal, e iso é un paso atrás nun servizo que tiña calidade e no que se investían moitos recursos para que os nenos e as nenas fosen nas mellores condicións á escola, indicou a deputada.
E como terceiro asunto, o plan supón o primeiro paso para destruír as pequenas e medianas empresas do transporte que en parte do territorio como é a provincia de Ourense representan un piar fundamental no seu tecido empresarial, explicou Pontón, estas empresas ven en risco o futuro e por tanto de centos de postos de traballo e da articulación social e económica do país.
Neste contexto, a portavoz nacional pide a Feijóo que deixe atrás a súa estratexia de feitos consumados, e pídelle que aproveite o tempo de negociación aberto entre empresas e traballadores para reflexionar. Ten que escoitar o que se lle está a dicir desde o sector, porque é entendible que ante un recorte do 35% amosen a súa preocupación e ante isto non se pode responder co ordeno e mando do Consello da Xunta.
Ten que existir diálogo, non é normal que por un plan de 22 meses non haxa disposición de pararse, sentarse e reflexionar para facer ben as cousas de cara o futuro, salientou.
Pero a dirixente do Bloque tamén advirte contra unha posible escalada xudicial que anticipa que este proceso pode acabar nos tribunais, porque os concursos que acaba de convocar a Xunta seguen o mesmo método que a contratación do 065, posteriormente anulado pola xustiza.
Todo isto xera unha incerteza no transporte público en Galiza que van acabar pagando os e as usuarias, os traballadores e o tecido de pequenas e medianas empresas do sector, clave nun país como o noso, alegou.
O Bloque considera inexplicable o enfrontamento creado desde o Goberno de Feijóo en relación ao un servizo público básico. Parece que o único no que é especialista en crear problemas e facer dun servizo público un negocio para uns poucos, veremos cal é o resultado destas adxudicacións case a dedo da Xunta, porque aí empezaremos a ver os auténticos beneficiarios deste negocio no que Feijóo quere converter o transporte público, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.