
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
Ninguén pode estar por riba do Parlamento e menos nunha cuestión, a desaparición das caixas de aforro, que ten causado un enorme prexuízo a Galiza. Desde a formación nacionalista, lémbrase que, ademais, estamos a falar dunha entidade cuxo rescate custou nada menos que 9.000 millóns de euros de recursos públicos e que, tras ser saneada, foi vendida a prezo de saldo a uns propietarios que agora se negan a colaborar coa comisión de investigación das caixas.
En concreto, Abanca négase a facilitar a documentación relativa á indemnización do ex director da entidade, José Luís Méndez, así como á relativa á venda ou cesión de activos aos membros dos comités de dirección da extinta Caixa Galicia ou aos seus familiares.
No caso concreto deste ex alto cargo, o BNG solicitaba entre outras cuestións a remisión de toda a información relacionada coa indemnización de 18M concedida ao José Luís Méndez, en particular a acta do consello de administración que deu luz verde a esta indemnización, así como todo o relativo ao opaco proceso de venda dos activos das caixas, como o caso concreto de Geriatros, e a compra-venda de activos da que supostamente se beneficiaron familiares directos do ex directivo.
O BNG considera que os supostos límites legais que alega o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas Ratera, non son máis que unha nova mostra da opacidade do sector bancario e un intento descarado de impedir que se coñeza a verdade negándose a colaborar coa comisión de investigación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.