
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:
O portavoz do grupo parlamentario de En Marea Luís Villares valorou a oferta recibida onte por parte da Xunta para pactar un economista experto de consenso que dirixa o posicionamento de Galicia en materia de financiamento económico na Conferencia de Presidentes. "Dado que deron a coñecer o nome proposto, Santiago Lago Peñas, queremos sinalar que non temos ningunha dúbida da súa solvencia, da súa capacidade, parécenos un dos maiores expertos en materia de financiamento tanto a nivel galego como estatal, pero tal e como avanzamos no pasado pleno non consideramos que haxa que pactar unha persoa concreta, porque esta non é unha cuestión técnica, ten carácter político", apelou Villares.
En Marea fíxolle a oferta ao Conselleiro de Economía e Facenda de sentarse a falar sobre as bases do novo modelo de financiamento autonómico "e unha vez adoptada esa decisión política os mellores expertos farán a proposta técnica derivada desa decisión política ". Villares lembrou en declaracións a medios cales son as prioridades de En Marea nese sentido: "Apelamos a un modelo confederal baseado na soberanía fiscal, nun maior poder financeiro para o noso país, non soamente para facer efectivo o custe consecuencia de ser unha verdadeira autonomía do benestar, senón tamén para poder practicar unha verdadeira política pública de carácter económica e reverter os problemas do país decidida dende a economía baseada na cooperación entre as comunidades autónomas pero en relación de iguais. E hai que establecer uns mínimos de ingresos que entendemos que é o problema que ten o noso país en materia de financiamento. Dentro deste marco estaremos dispostos a chegar a un acordo coas demais forzas políticas."
Na súa intervención, Luís Villares tamén quixo enviar unha mensaxe de apoio ao goberno municipal da Coruña, perante a moción de confianza que veñen de anunciar. "Respaldamos totalmente a posición de Marea Atlántica pois nun proceso de negociación non se poden dar situacións que dean lugar a unha perda de confianza e separarse dos termos do acordo", sinalou Villares e engadiu que confía en que se chegue á mellor solución para todos os coruñeses e coruñesas.
"A Marea Atlántica garantirá a gobernabilidade da cidade e dotar á Coruña duns orzamentos nun tempo razoable para facer as políticas sociais que a xente necesita", concluíu Villares.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, valorou que a Xunta de Galicia confíe no experto en financiamento autonómico Santiago Lago como a persoa que represente a Galicia no debate do novo modelo de financiamento.
Tras as consultas realizadas polo conselleiro co portavoz do Grupo Popular, este tamén valorou positivamente os cambios que se están a producir na reforma do financiamento autonómico. Primeiro, se realizará un traballo técnico por expertos, e despois haberá unha negociación multilateral no Consello de Política Fiscal e Financeira que establecerá o novo sistema, procurando o máximo consenso.
O Grupo Popular salienta que Santiago Lago, que é catedrático de Facenda Pública no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e está considerado como un dos expertos universitarios en cuestións de financiamento autonómico e federalismo fiscal con recoñecemento en España e a nivel internacional e é bo coñecedor das necesidades de Galicia, é a persoa adecuada para representar á Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión de expertos que analizará as propostas de reforma do novo sistema.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.