O programa ReAcciona ten como obxectivo prioritario a potenciación das competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente. Neste contexto, a profesionalización das pemes, e especialmente das de menor tamaño, é fundamental para que poidan medrar, consolidar a súa competitividade e internacionalizarse.
A experiencia acumulada durante as anteriores edicións do ReAcciona serviu para mellorar o propio programa, reforzando a colaboración entre todos os axentes implicados no proceso, por unha banda, e promovendo a posta en marcha de accións de mellora temperá asociadas de xeito automático aos análises de potencial competitivo que se realicen. A finalidade do ReAcciona é achegar diagnósticos de competitividade e servizos avanzados de mellora para que as empresas localicen e superen as súas debilidades nos diferentes ámbitos de xestión.
De acordo coas bases de axuda que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o programa está de novo aberto para recibir, a través da web do Igape www.igape.es/reacciona, solicitudes das empresas interesadas, que recibirán resposta case inmediata á súa demanda de servizos avanzados. As empresas disporán de sucesivas convocatorias, en outubro e novembro deste ano, e en xaneiro de 2017, para presentar a súa solicitude.
O programa ReAcciona pon a disposición das pequenas e medianas empresas servizos para facilitar a execución de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial, os protocolos de sucesión na empresa familiar ou a identificación de aliados e redes de cooperación.
O desenvolvemento de cada un dos proxectos de mellora conta co asesoramento de expertos e a colaboración activa de bolseiros que teñen así a oportunidade de tomar un primeiro contacto co mundo laboral mentres se especializan en diferentes ámbitos da xestión empresarial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.