Noticias

La RAG homenajea al "poeta más querido", Manuel María, en las Letras Galegas 2016

La Casa de Hortas donde Manuel María pasó su infancia es hoy la Casa-Museo dedicada al poeta que acoge el acto de homenaje de las Letras Galegas 2016, dedicado a su figura. La RAG celebra en este escenario una sesión extraordinaria para recordar la trayectoria vital y literaria del escritor al que calificó como "el poeta más querido". El presidente de la Xunta, Núñez Feijóo, destacó la "empatía natural en el gallego que supera fronteras generacionales e ideológicas" porque la lengua "siempre une" por el uso continuado del pueblo.

Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):

"O carro" é un dos poemas do libro Terra Chá, pero como moitos versos de Manuel María popularizouse como canción, con música de Fuxan os Ventos. E así soou na apertura da sesión extraordinaria coa que a Real Academia Galega celebrou o Día das Letras Galegas dedicado ao poeta de Outeiro de Rei. O acto desenvolveuse na casa na que naceu en 1929, "nesta horta da Casa de Hortas onde empeza a Terra Chá", expresou Darío Xohán Cabana, un dos académicos que retratou, no literario e no vital, a figura homenaxeada nun espazo convertido en Casa-Museo Manuel María. E malia a importancia da chaira na súa obra, o escritor foi moito máis ca o poeta desta patria poética, deixaron claro.

A introdución musical, con Branca Villares na voz, Pablo Pintor na zanfona e Brais Monxardín na gaita, incluíu tamén unha versión propia do poema "O soñador", do primeiro libro de poesía infantil de Manuel María, Os soños na gaiola (1968). Con estes versos, cantados desde o público, e tamén desde o escenario ocupado polos membros da Academia e o presidente da Xunta de Galicia, deu os primeiros compases unha celebración, a do Día das Letras Galegas, que converteu hoxe Outeiro de Rei "na capital literaria do mundo", dixo o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, nas súas palabras de benvida ao numeroso público. O auditorio, amosouse seguro, congregou moitas persoas que nunca nas 53 edicións anteriores do Día das Letras Galegas participaran nunha sesión da Academia, e foi así xa que Manuel María é o poeta dos séculos XIX e XX "que ten máis relevancia pública, porque está no corazón e na memoria" dos escolares que cantan e escenifican os seus versos, e porque tamén foi capaz de chegar aos adultos, expresou.

Alonso Montero foi tamén quen pechou o acto cun discurso no que se referiu ao Día das Letras Galegas como o verdadeiro Día de Galicia. "O noso día grande é o da palabra. A palabra é o diálogo, a conversa, o que facía tan ben Manuel María nos faladoiros (...). Hoxe é o día da lingua galega. Estou admirado de como o espírito de Manuel María, os seus versos, as súas mensaxes, os discursos literario e político, no sentido lexítimo da palabra grega, que é o que fai ao cidadán, como iso vai impregnando a sociedade", apuntou. O presidente da RAG puxo así en valor a defensa do idioma do autor de Outeiro de Rei e "o compromiso que nos fai contraer coa lingua a eficacia" dos seus poemas. Proba diso son os versos de "Galiza", a poesía escollida para o convite do acto (Galiza somos nós: / a xente e mais a fala. / Se busca a Galiza / en ti tes que atopala!), que recitou como colofón.

A celebración na Casa-Museo Manuel María, na que a presidenta do padroado e viúva do autor, Saleta Goy, exerceu de anfitrioa, rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo da Banda Sons e Soños, composta por músicos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte.

Os membros de número da Academia Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana foron previamente os encargados de glosar distintos perfís da obra e da personalidade do protagonista deste 17 de maio, que foi sobre todo poeta, pero que tamén cultivou a narrativa, o teatro, o ensaio e a prosa xornalística, ademais de desenvolver un importante labor de activismo e divulgación cultural por toda Galicia que mantivo ata pouco antes de falecer, en setembro de 2004.

Manuel Rivas foi o primeiro en falar ante o atril instalado na horta da casa na que medrou Manuel María, onde aprendeu a construír versos co veciño Manuel de Paderna. "Sabemos que Manuel María foi un activista da verdade, mesmo cando a verdade andaba presa. Cada obra de Manuel María é un campo da verdade", empezou dicindo. O escritor leu o discurso O activismo de sementar, o activismo de sentir, título que sintetiza as dúas grandes calidades que quixo resaltar nesta xornada especial dun poeta no que "a natureza faise libro e ese libro é o mundo", e cuxos poemas "teñen esa condición de ser sentinelas da vida".

Baixo o título Resistencia e dereito á renacenza, Margarita Ledo arrincou a súa intervención trasladando o público ao Monforte dos primeiros anos 70, cando coñeceu persoalmente a Manuel María e a Saleta Goy, cun retrato cheo de lembranzas persoais dun autor en cuxa obra a lingua é "un dos topoi que acada ese selo político e colectivo da literatura resistente". "O compromiso coa fala definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que este fío tronce", advertiu para rematar un discurso no que definiu o idioma galego como "o noso principal signo de renacenza", signo que o poder "planifica arrincar ou tolleitar".

Tras as palabras da arquiveira-bibliotecaria da RAG, Darío Xohán Cabana mergullou o auditorio nun percorrido pola obra poética do homenaxeado, mestre, amigo e padriño poético e nupcial. "O meu irmán maior Manuel María", engadiu con afecto. Nun discurso titulado sinxelamente Manuel María, o poeta, recoñeceu que o apelativo de "poeta da Terra Chá" que se lle adoita poñer ao protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 é "algo máis ca unha anécdota pero moito menos ca unha definición ontolóxica ou existencial de Manuel María Fernández Teixeiro en canto poeta". Proba diso é extensa obra que deixou escrita en medio século: medio cento de libros de poemas, 1.800 poemas e 40.000 versos.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Galicia e a súa lingua débenlle moito ás tertulias. Tertulias sinxelas ou eruditas, matutinas, vespertinas ou nocturnas, tertulias celebradas nos lugares máis dispares ao redor de calquera tema que permita exhibir esas dúas artes que tan ben dominamos: falar e escoitar.

A nosa cohesión como pobo deriva desa dobre capacidade para expresar o que sentimos e sentir o que os outros nos transmiten. Hai unha empatía natural no galego que supera fronteiras xeracionais ou ideolóxicas. Débese a moitos factores, pero hoxe cómpre destacar a lingua. A lingua sempre une porque é o resultado do uso continuado que fai dela un pobo. Nela están impresos os recordos do pasado. É un códice vivo e cambiante escrito por todos e que ninguén pode roubar. Cada falante deixa a súa pegada, e cada oínte vese transformado polo que escoita.

Manuel María foi poeta, dramaturgo, ensaísta, editor, guionista, militante de moitas causas, pero sobre todo tertuliano. Tiña o don da palabra e cultivaba esa cultura oral na que sempre se distinguiron os nosos creadores. Fronte ao pensador solitario ou recluído en torres como a de Montaigne, o galego precisa intercambiar os seus achados intelectuais.

A biografía de Manuel María ten fitos marcados polas tertulias máis singulares da época, sempre asociadas a un café, a ese café que segundo George Steiner é un sinal distintivo da cultura europea. O parisino Café de Flore, A Brasileira lisboeta, o Café Greco de Roma, o Central de Viena, ou o Gijón madrileño teñen a súa correspondencia entre nós. Podemos imaxinar a Manuel María no Méndez Núñez de Lugo, compartindo ideas con Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Iglesias Alvariño ou Álvaro Cunqueiro.

Case escoitamos a súa voz rotunda no Español de Santiago, no medio de Otero Pedrayo, Borobó ou Maside, ou na súa librería Xistral en Monforte, ou xa nos seus últimos anos no Kirs da Coruña. Ningunha definición mellor para a figura que loamos neste Día das Letras Galegas que a de “home de amigos”. Amigos que configuraron unha ‘rede social’ entrañable e próxima na que pouco a pouco se foi tecendo o noso país.

Atrévome a suxerir que se a Galicia de hoxe é un fogar de todos e para todos, débese á semente que se plantou nesas tertulias nas que, como di Xesús Alonso Montero, Manuel María mostraba a súa capacidade comunicativa. Abonda con repasar os seus compoñentes para darse conta da diversidade ideolóxica que nelas se daba.

A lingua servía entón de punto de encontro, e segue sendo hoxe o fío que fai de nós unha comunidade. Nada expresa mellor ese espírito que o fermoso monumento que lle regala a Manuel María a posteridade que merece. Alí, en Monforte, aparece sentado diante dunha mesa redonda cunha cadeira baleira ao seu carón.

Nesa cadeira pode sentar calquera galego, igual que calquera galego se sente apelado polos seus poemas, ou sabe as cancións que os converteron en música, ou lle le aos seus rapaces os versos precursores da poesía infantil no noso idioma. É ben sabida a convicción nacionalista de Manuel María, da mesma maneira que non é un segredo a tendencia conservadora de Xosé Filgueira Valverde, a quen celebramos o ano pasado. Os dous son afluentes do gran río que é a cultura galega. Ambos contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente a nosa maneira de ser. Se prescindiramos dun ou doutro, a nosa cultura, a nosa lingua, o noso país, estarían incompletos. Galicia sería máis cativa.

Aquel rapaz de dezanove anos que publica Muiñeiro de brétemas, convértese nun dos autores máis prolíficos da literatura galega. O segredo quizais estea nesa definición que fai de si mesmo como “labrego con algo de poeta”. Tamén axudarían para esa fertilidade as tertulias das que falamos, ‘ágoras’ da nosa vida literaria. Pero é de xustiza destacar a quen o acompañou nos seus innumerables proxectos. Saleta Goi obriga a cambiar o tópico que di que “detrás dun grande home sempre hai unha gran muller”. A súa dona non estivo detrás senón ao seu carón.

Tense imaxinado Galicia de moitas maneiras, pero en honor a Manuel María poderiamos pensar nela como unha gran tertulia na que se fala e se escoita co mesmo anhelo que distinguía o poeta e os seus amigos. Temos algo moi importante en común: a lingua. Ninguén pode ser alleo a ela.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

R., 2016-05-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES