
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O Centro Coreográfico Galego (CCG) colabora coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e coa compañía galega BalletNorte para a posta en escena na Coruña do ballet Don Quixote coa participación de alumnos e alumnas de cinco centros galegos de ensino de danza.
O Pazo da Ópera acolle o venres día 8 de abril (20.00 horas) e o sábado 9 (18.00 h.) dúas representacións para público xeral da versión desta obra coreográfica de Marius Petipa con música de Ludwig Minkus, baseada no capítulo décimo noveno do segundo libro de El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha, de Miguel de Cervantes. As localidades para asistir ao espectáculo están á venda en liña en entradas.abanca.es cos prezos de 5 euros para adultos e de 3 euros para rapaces.
Ademais, desde onte celébranse funcións didácticas diarias dentro do programa formativo da OSG, ás que están a acudir como público máis de 8.000 escolares con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, procedentes de distintos centros de ensino da provincia. Tamén está prevista unha próxima actuación en Lugo o 26 de abril.
Literatura, música e danza únense neste Don Quixote no ano no que se cumpre o cuarto centenario da morte do escritor. Para esta coprodución, Ballet Norte achega o corpo de baile de dez profesionais que encarnan os papeis principais da peza. Xunto con este elenco, comparten o escenario trinta estudantes de danza dos conservatorios profesionais de danza de Lugo e da Deputación da Coruña, da escola coruñesa Druída e das municipais de Arteixo e de Oleiros.
Pola súa banda, o Centro Coreográfico Galego prestou asesoramento para a adaptación do ballet, así como materiais de atrezzo e vestiario utilizados na posta en escena, facilitou o pianista repetidor e traballou sobre algunhas variacións cos profesores Marta García e Orlando Salgado, especialistas en danza clásica e no repertorio de Don Quixote, cando estes impartiron un taller o pasado mes de marzo na sede da compañía.
A unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa con este proxecto nos obxectivos comúns de captación de futuros públicos para a danza, de contribución á motivación dos estudantes galegos que están a cursar esta disciplina e de establecemento dun diálogo entre a comunidade escolar e o mundo da danza, ao tempo que se intenta implicar a potenciais espectadores de todas as idades e ámbitos culturais.
Incrementar o interese na danza, non só como actividade artística, senón como actividade lúdica, educativa e terapéutica é outra das finalidades desta iniciativa. Neste sentido, Don Quixote retoma proxectos similares promovidos con anterioridade polo CCG e a OSG, tales como O quebranoces en 2014 ou A bela adormecida en 2015.
Fotografía: Manuel Lemos Fotografía / Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.