Notas de prensa

A Xunta tramita o segundo maior concurso de traslados da historia da Autonomía

2.740 empregados públicos poderán cambiar a outro posto de traballo na Xunta que se adapte mellor ás súas preferencias. A Administración galega oferta 1.305 postos para que os empregados públicos poidan elixir. O número de postos medra un 20% respecto ao anterior para garantir a mobilidade e a conciliación familiar.

Un total de 2.740 empregados públicos van participar no segundo maior concurso de traslados da historia da Xunta, o que lles permitirá cambiar a outro posto de traballo que se adapte mellor ás súas preferencias. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a relación provisional de admitidos e excluídos para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral.

Neste proceso, convocado o pasado mes de maio, a Xunta oferta un total de 1.305 postos, o que representa un aumento do 20% no número de postos respecto á anterior convocatoria de 2013. A oferta afecta aos cinco grupos do Corpo da Administración Xeral: o corpo Superior (A1), de Xestión (A2), de Administrativos (C1), Auxiliar (C2) e Agrupación Profesional –o antigo corpo subalterno-.

O concurso de traslados é un procedemento mediante o cal a Administración cubre os postos de traballo vacantes, para que o persoal funcionario poida cambiar voluntariamente de posto de traballo a outro que se adapta mellor ás súas preferencias. Así, garántese o dereito á mobilidade dos empregados públicos sen que supoña un aumento de custos.

Ademais, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo desprazamentos diarios e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

Máis posibilidades de conciliación

Este concurso oferta 1.305 postos, pero as posibilidades de mobilidade que ofrece son maiores porque os postos dos funcionarios que obteñen destino son posteriormente ofrecidos aos funcionarios en función das súas preferencias. Polo tanto, os funcionarios poden obter non só as 1.305 postos que se ofrecen, senón tamén aqueles que quedan vacantes polos seus actuais ocupantes. Deste xeito, os traslados potenciais duplícanse.

A última provisión de postos de traballo para os Corpos Xerais da Administración Xeral tivo lugar no ano 2013. Naquel momento, foran convocadas para o concurso de traslados 1.085 postos, con 990 postos adxudicados e 2.886 participantes.

Os aspirantes poden consultar as listas no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; nas oficinas de Rexistro e Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Administración galega e no portal web da Xunta (www.xunta.gal). O prazo para presentar alegacións é de 10 días hábiles a partir do sábado 7 de novembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES