
Obradoiros científicos, conferencias, exposicións, guías de lectura, proxeccións audiovisuais e espectáculos de maxia e teatro son algunhas das propostas de divulgación científica coas que as bibliotecas públicas de xestión autonómica convidan en novembro a celebrar o Mes da ciencia en galego.
A programación de actividades da Biblioteca de Galicia, das bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, da de Santiago Ánxel Casal e da de Pontevedra Antonio Odriozola, xunto coa das bibliotecas escolares, foi presentada esta mañá en rolda de prensa na capital galega polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Acompañouno na presentación o científico e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira, autor este ano do texto conmemorativo do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, e a directora da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Carina Fernández.
Obradoiros científicos
Co obxectivo de ler e vivir a ciencia en galego, a Consellería de Cultura e Educación súmase a esta celebración, por unha banda, cun completo programa de actividades nas bibliotecas públicas, que inclúe durante todo o mes de novembro obradoiros científicos nos que os máis novos terán ocasión, por exemplo, de se achegar ao proceso de extracción de ADN, ás reaccións químicas e ao mundo da astronomía.
Divulgación con Carracedo, Mariño e Cid
Haberá tamén contacontos, espectáculos de maxia e de teatro, exposicións sobre o medio natural, o cambio climático e a conservación da natureza; proxeccións audiovisuais de microbioloxía e mais diversos centros de interese e guías de lectura sobre o ámbito científico. Ademais, a programación contará coa participación de personalidades como Ángel Carracedo, que impartirá unha conferencia sobre xenética o vindeiro día 27 na Biblioteca da Coruña Miguel González Garcés. Xurxo Mariño e Ramón Cid, que disertará na Ánxel Casal sobre a enerxía nuclear, completan o programa de charlas divulgativas.
Colaboración de recoñecidas entidades
Para a realización de parte das actividades deste programa, as bibliotecas contan coa colaboración de entidades de referencia como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela.
Lingua e ciencia
Valentín García asegurou na presentación que a única condición necesaria para que unha lingua sexa acaída para a ciencia é cultivala neste ámbito. Por iso engadiu a Consellería de Cultura e Educación anima a todos os científicos e científicas, e tamén ás familias e docentes, a faceren e divulgaren ciencia en galego. Para incentivalo, Política Lingüística celebra cada novembro un acto de homenaxe aos científicos propostos por Igaciencia como referentes en Galicia e mais unha actividade de dinamización lingüística no ámbito da ciencia para escolares.
Este ano, o acto celebrouse o pasado 4 de novembro, coa presenza do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, que reúne nos seus fondos pezas que pertenceron a Isidro Parga Pondal, un dos científicos homenaxeados nesta data. A el acudiron estudantes de 6º de primaria do CEIP López Ferreiro, que tiveron ocasión de escoitar o presidente da Real Academia de Ciencia, a Isidro Parga neto do ilustre xeólogo e á directora do museo, ademais de asistiren a unha sesión de dinamización da lingua galega desenvolta pola empresa O Falcón Branco e a unha visita guiada ao museo.
Por outra banda, en cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o seu web as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para conmemorar o Día da Ciencia en Galego, que poden verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal (http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/ciencia-en-galego e http://ir.gl/791c6a).
Biblioteca escolar, base de exploracións
Xunto coa programación nas bibliotecas públicas de xestión autonómica, as Bibliotecas Escolares tamén se suman un ano máis a esta celebración para estimular entre o alumnado a lectura e a aprendizaxe en todas as áreas e materias. Baixo o lema Biblioteca escolar, base de exploracións, promoven neste curso diversos proxectos para aproveitar as posibilidades da biblioteca como recurso para a investigación e o coñecemento do mundo.
Neste marco, a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería ofrécelles aos centros maletas con contido científico e tamén pon ao seu dispor na web un repositorio de materiais para a ciencia en galego, a través da ligazón http://www.edu.xunta.es/biblioteca/ciencia/, iniciado en 2014 e que se actualiza periodicamente.
Ademais, a sexta edición das Xornadas de Bibliotecas Escolares que se realizarán na capital galega os días 20 e 21 deste mes dedicará a primeira xornada á divulgación científica, da man do profesor Xurxo Mariño, ademais de difundir experiencias de varios centros educativos.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.