Notas de prensa

Galicia amosa o potencial musical no Womex 2015 Budapest e prepara a edición de 2016 en Compostela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou en Budapest, no Centro Bálna, na presentación do Womex 2016, o meirande mercado internacional da world music, que celebrará a súa vindeira edición en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura de Galicia.

Durante a súa visita ao Centro Bálna, no que se celebra a actual edición deste evento internacional, o titular do departamento de Cultura da Xunta tivo tamén a oportunidade de comprobar como a música galega está a amosar o seu potencial na feira, a través da participación de sete compañías do país no pavillón GalicianTunes.

A programación da presentación comezou cunha exposición do Womex Found Director, Ben Mandelson, sobre a organización do Womex 2015. Posteriormente o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a segunda edición compostelá da feira estará subdividida en ‘DayWOMEX’ e ‘NightWOMEX’. Deste xeito, a actividade diúrna centrarase na feira profesional e nas actividades complementarias –conferencias, proxeccións de cinema, etc.– que se celebrarán no Museo Centro Gaiás e no CINC da Cidade da Cultura; mentres que a nocturna se dedicará aos máis de 60 showcases (concertos en pequeno formato) que está previsto celebrar en diferentes escenarios da capital galega.

Un escaparate para amosar Galicia ao mundo

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación transmitiu aos presentes a ilusión que para o Goberno galego supón volver a acoller en Galicia e en Santiago o Womex, “unha das mellores citas posibles para parte importante da nosa industria musical e dos nosos artistas, aqueles que se encadran dentro das músicas de raíz, folk, étnica ou tradicional”.

Román Rodríguez lembrou que o regreso de Womex á capital galega supón un gran éxito froito dunha percepción positivas dos organizadores que participaron na cita do 2014; así como da constatación pola parte da Consellería da importancia do evento para a proxección e internacionalización da industria musical galega.

Neste sentido, o conselleiro convidou tamén a visitar o stand de Galician Tunes e a gozar da nutrida presenza galega no Womex Budapest, composta polas compañías Budiño/Lospregos, Jau, Mada Producións, Mare, Musicarte, Nordesía e Sons Galiza.

Ademais do conselleiro e do Found Director de Womex, participaron no acto o director de programación da feira, Balázs Weyer; o director do evento, Alexander Walter.

Actividade feiral

Tralo acto de presentación de Womex 16 en Santiago de Compostela, a actividade da delegación galega en Budapest centrouse no pavillón de GalicianTunes, a marca común da industria musical galega para a súa proxección exterior. Alí, os representantes das sete compañías galegas desprazadas están a levar a cabo os seus contactos internacionais con continuas reunións de traballo acordadas a través da plataforma profesional online virtualwomex, que permite establecer unha axenda de xuntanxas de xeito previo á chegada á feira.

Así, as compañías Budiño/Lospregos, Jau, Mada Producións, Mare, Musicarte, Nordesía e Sons Galiza, que abranguen ámbitos de negocio que van desde a produción e distribución musical, representación de artistas, 'management', edición discográfica e mesmo xestión e dinamización cultural no eido da música, puideron avanzar co labor de anos anteriores, nos que Galicia participou activamente nas edicións precedentes da que está considerada como a meirande e máis influente feira de música tradicional e de raíz do circuíto internacional. Esta continuidade posibilita, ademais, o asentamento de acordos e proxectos que poden perfeccionarse ou ultimarse en Santiago de Compostela en 2016.

Recepción internacional

O conselleiro de Cultura reuniuse tamén esta mañá cos integrantes das empresas galegas, cos que intercambiou impresións e sobre a situación do sector e as expectativas postas en Womex. A continuación, o pavillón da música galega acolleu unha recepción-cóctel dirixida especialmente aos distribuidores e programadores internacionais, e na que participou o embaixador de España en Hungría, José Ãngel López Jorrín. A convocatoria, á que acudiron máis de 100 persoas, serviu tamén para divulgar Galicia, Santiago de Compostela e a Cidade da Cultura como destinos patrimoniais culturais e turísticos e próximas sedes de Womex en 2016.

Galicia terá tamén un protagonismo especial na xornada de mañá, cando se produza o acto de transmisión da organización de Womex entre as autoridades húngaras e as galegas. Este acto contará coa música en directo a cargo do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, quen simbolizará o encontro da música tradicional galega coa centroeuropea a través dunha interpretación compartida cunha formación de música popular húngara.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES