Notas de prensa

O selo Galega 100% ofrece aos consumidores un produto de calidade para mellorar a competitividade do sector

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias inaugurou en Lugo as xornadas “O leite que fai crecer Galicia”. A implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido deste produto, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Patricia Ulloa, inaugurou en Lugo as xornadas “O leite que fai crecer Galicia” para as asociacións de consumidores desta vila, onde destacou que o selo Galega 100% ofrece aos consumidores un produto de calidade excepcional que mellora a competitividade do sector.

A titular de Gandaría, que estivo acompañada pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, explicou que as 9.500 explotacións leiteiras existentes en Galicia producen leite cun valor de 870 millóns de euros anuais, sendo importante incrementar o valor engadido deste produto e diversificar a oferta, máis aló da produción de leite líquido. Así, continuou, é preciso que o sector adopte todas as estratexias e aproveitar as posibilidades que o mercado lle ofrece.

Neste senso, advertiu que a marca Galega 100% ten precisamente este obxectivo, o de mellorar a competitividade do sector e que os consumidores recoñezan a procedencia deste produto de calidade. Patricia Ulloa reiterou que a implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido deste produto, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores.

Galega 100%

Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES