
O Liceo acolleu a presentación da edición número 33 do Outono Fotográfico, un certame espallado por 22 cidades de Galicia e do Norte de Portugal que segue mantendo na nosa cidade o seu músculo principal. Esta nova edición organiza un total de 87 exposicións, 41 delas en Ourense, cunha nómina de 308 autores entre os que hai novos valores da fotografía e nomes propios, coma os de Vari Caramés ou Manuel Sendón.
O outono inicia en Ourense o ciclo festivo e cultural máis importante do ano: as Xornadas de Banda Deseñada, o Magosto ou o Festival de Cine comparten un cartel de primeirísimo nivel co Outono Fotográfico, aseguraba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, na presentación do festival.
O Concello de Ourense pon a disposición do público catro espazos expositivos: O Museo Municipal da rúa Lepanto, que nos achegará aos problemas das mulleres na India, Substantivos femininos, os Espantallos de Manuel Sendón ou contrastes entre os brancos e os negros das propostas de Iván Merayo e Berto Macei. Tamén haberá Outono Fotográfico nos centros cívicos da Cuña (con mostras do colectivo Potiños) e A Ponte, onde se exporá a nova colección fotográfica do Clube Alpino ourensán. O Auditorio será o cuarto espazo expositivo municipal, coa presenza da obra Miradas do presente ou pegadas do Futuro, traballo do colectivo ourensán Fotosíntese.
Cómpre destacar o esforzo económico e humano das áreas de Xuventude e Cultura, representadas polas concelleiras Sofía Godoy e Belén Iglesias, que apostan polo Outono coma un investimento no futuro da sociedade ourensá, dixo o alcalde Jesús Vázquez. Entre as dúas concellerías achegan 15.500 euros.
Máis info: http://outonofotografico.com/
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.