Notas de prensa

O Salón Teatro de Santiago pecha a programación de 2015 con 28 representacións escénicas e musicais en cartel

BalletNorte xunto co Centro Coreográfico Galego, Triatreros, a Aula de Teatro da USC, Pistacatro e BocAberta presentan as súas obras neste escenario, que se estrea como espazo do programa Tarxeta-Bono Cultura Galega. En novembro será unha das sedes de Galicia Escena PRO e Cineuropa.

A carteleira despregada no Salón Teatro para este último trimestre do ano recolle 28 novas representacións escénicas e musicais, que darán comezo o sábado 17 de outubro, ás 12.00 horas, co concerto para público infantil de Pablo Díaz e Banda Tic Tac Toc dentro do I Festival Premios Martín Códax da Música. O escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será tamén unha das sedes doutras destacadas citas culturais da capital de Galicia, como as Xornadas de Música Contemporánea, o mercado Galicia Escena PRO, Cineuropa e o Festival de Teatro Amador Agustín Magán.

Tamén neste período, presentaranse as últimas propostas de danza, teatro e novo circo producidas por BalletNorte xunto ao Centro Coreográfico Galego, Triatreros, Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pistacatro e BocAberta. Con esta carteleira, o Salón Teatro estréase como espazo adherido ao programa Tarxeta-Bono Cultura Galega, da que poderán facer uso os mozos e mozas de 18 ao 30 anos para adquirir as entradas dos espectáculos representados polas devanditas compañías galegas.

Estrea de ‘Elementa!’

En canto á programación musical, as Xornadas de Música Contemporánea 2015, que deron comezo en Santiago o pasado día 10, achegarán o martes 20 a estrea de ‘Elementa!’, un espectáculo de música, teatro físico e danza que reúne o quinteto de ventos Zoar e os actores Alfonso Rivera e Xiana Vilas nun espazo escénico deseñado por Ana Inés Jabares, gañadora do prestixioso Linbury Prize de Escenografía. A música foi expresamente composta para este proxecto por Fernando Buide e Federico Mosquera.

O Concello de Santiago, a USC, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) impulsan estas Xornadas, recuperadas en 2012 co obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. O Salón Teatro será o escenario para outras dúas citas dentro deste programa: o domingo 25 co espectáculo didáctico que ofrecerán o Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio de Danza de Lugo e o Grupo de Percusión do Conservatorio de Música Xoán Montes, e o martes 27 co recital da Camerata OSG xunto a Frank Stader ao violín e á guitarra eléctrica, baixo a dirección de Wladimir Rosinskij.

‘Atlántica’ en Santiago

Tamén en outubro, este espazo compostelán será unha das paradas da xira do espectáculo de danza ‘Atlántica’, coproducido pola nova compañía BalletNorte xunto ao Centro Coreográfico Galego, que poderá verse en Compostela o mércores 21 e o xoves 22. Esa mesma semana (venres 23 e sábado 24) chegará a quenda para o teatro da man da compañía Triatreros, que presentará aquí a súa adpatación de ‘Listo para sentenza’, comedia satírica escrita polo noruegués Henrik Svindel.

Xa en novembro, o Salón Teatro repetirá un ano máis como un dos espazos do mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, con funcións do martes 3 ao xoves 5, así como do festival Cineeuropa, cuxas proxeccións están previstas a partir do venres 6.

Tamén é unha habitual deste escenario a Aula de Teatro da USC, que volve escoller a sede do Centro Dramático para a estrea do seu novo espectáculo: ‘Cinza, a historia do poni que vivía no parque’, que representará os días 1 e 2 de decembro. E tras o teatro universitario, o pano levantarase para a escena afeccionada cunha nova edición do Festival de Teatro Amador Agustín Magán, que terá lugar do 4 ao 6 de decembro.

O circo e o teatro infantil pecharán esta carteleira coa montaxe ‘Desperta!’, de PistaCatro’ (do 9 ao 12 de decembro), e ‘A Tropa Trapalleira’, da nova compañía BocAberta (do 15 ao 20 de decembro). En ambos os casos, desenvolveranse tanto funcións matinais concertadas con centros escolares como pases para o público xeral.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES